Carnota e o Monte Pindo enchen Google de quilómetros mapeados: case 170

mércores, 28 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Carnota vén de pasar a historia por ser o concello galego e estatal que máis quilómetros de seu mapeou e visualizou no Google Maps e Google Street View. De feito, estamos a falar da cifra nada desprezábel de 169 quilómetros de sendeiros e 50 camiños cubertos coas súas diferentes variantes. Segundo informaron hoxe en Santiago os principais impulsores deste importante traballo de cobertura dixital, visual, paisaxística e etnográfica (a Asociación Monte Pindo e o Concello de Carnota, coa colaboración de Google), o rico patrimonio natural de Carnota ben merecía o esforzo. E non foi un esforzo calquera, xa que as/os voluntarias/os que participaron no mapeo tiveron que cubrir os devanditos trazados coa mochila de rexistro emprestada por Google: un dispositivo carrexábel ás costas que pesa a respectábel cifra de 23 quilogramos.
O obxectivo do proxecto Trekker Monte Pindo foi seguir traballando pola protección do Monte Pindo como Parque Natural e, tamén, por mostrar Carnota do mundo da mellor maneira posíbel: coma se estivésemos alí aínda que non esteamos.
A presentación compostelá dos resultados do proxecto celebrouse este 28 no Hostal dos Reis Católicos, dando continuidade á cita os medios desenvolvida os días pasados na Lonxa Vella de Lira. A iniciativa foi debullada polos membros da dita asociación (Santi Llecha, Mario Maceiras), o concelleiro de Turismo, Patrimonio, Medio Ambiente, Deportes e Comunicación e TIC (Iván Franco) e mailo profesor da USC, divulgador e blogueiro Manuel Gago. Asemade, na cita presentouse o documental de 10 minutos no que se explican as orixes e os obxectivos do proxecto, producido por Guillermo Ascanio e por Miguel Mariño, colaborador da asociación e recentemente proclamado director da Academia Galega do Audiovisual.
A cita arrancou da man de Maceiras, que expuxo detalles interesantes da estratexia levada a cabo con Google, e afondou nas orixes da colaboración, un traballo conxunto co xigante de Internet que naceu da man de Santi Llecha, en 2016, e que tivo de xeito inevitábel un elemento importante de abraio: “A empresa Google deunos a sorpresa de estar interesada na nosa proposta de mapear o Monte Pindo, e iso malia a importante demanda das mochilas Trekker por parte de entidades de todo o mundo, e a pesar tamén do número limitado de mochilas coas que conta a compañía”.
Segundo engadiu, a proposta consistiu en solicitar a participación da asociación no programa Trekker Loan de Google, que permite ás entidades facer uso dun avanzado e vangardista equipo tecnolóxico de rexistro para incorporar ás súas plataformas cartográficas Maps, Earth ou Street View camiños que os coches da marca non poden percorrer.
De maneira parella á aprobación da solicitude comezáronse a estudar os roteiros a percorrer, vindo do Concello o convite de ampliar o tecido de camiños a mapear, sen limitarse só ao macizo do Pindo e a súa contorna. Segundo fixo saber Maceiras, o resultado foi unha iniciativa pioneira a todos os niveis, xa que con toda probabilidade non haxa ningún outro concello que levase tan lonxe as posibilidades ofrecidas por Google nos seus servizos. E, ademais, co mérito de terse realizado o traballo de rexistro en carreiros e corredoiras costentas cunha máquina de 15 cámaras e 23 quilogramos de peso. Por certo que o labor non se limitou aos camiños en terra, senón que tamén se estenderon, coa axuda do alcalde Ramón Noceda (pescador no seu tempo de lecer), á costa de Carnota, achegando vistas espectaculares do macizo, das aldeas que o circundan e, no propio mar, do arquipélago das Lobeiras e o seu faro.
“A nosa intención”, engadiu Maceiras, “é conseguir que toda a xente que polas razóns que sexan está lonxe do noso concello, teña a oportunidade de volver a el, ou de descubrilo, botando man das novas ferramentas de Google”. Ferramentas que non son outras que Google Maps (onde xa podemos ver os roteiros carnotáns trazados en azul e con todo luxo de detalles, produto do traballo de mapeo) ou Google Street View, onde se ofrecen 20 panorámicas de diferentes enclaves de Carnota, incluído o seu famoso Hórreo, a Fervenza do Ézaro ou a Laxe da Moa, no cumio do monte.

Un intre da presentación celebrada no Hostal dos Reis Católicos en Santiago

No capítulo de anécdotas, fíxose saber que o traballo coa tecnoloxía Google deu como resultado cousas curiosas, como o feito de que se pixelizasen figuras antropomórficas do macizo como o Xigante da Mina, entre outras formacións graníticas, por mor da entrada en xogo do algoritmo do buscador que fai esvaecer as persoas que aparecen nas fotografías por razóns de anonimato e privacidade, entre outras. Dito doutro xeito: Google pensou que o Xigante da Mina era unha persoa e por iso é, de toda a súa contorna, o único que non se aprecia con claridade.
Na cita cos medios tamén se recordou que o aproveitamento das tecnoloxías do buscador non supuxeron gasto algún, máis ben o contrario, xa que a empresa achega diñeiro para cubrir gastos de transporte e loxística.
O encargado de clausurar o acto de Compostela foi Manuel Gago, profesor da USC, experto en comunicación e responsábel de plataformas web como culturagalega.org ou patrimoniogalego.net, e quen precisamente estivera detrás do éxito comunicativo dos proxectos Torre dos Mouros e Castro de Mallou, explicou que "foron esas experiencias as que nos levaron a entender a necesidade de repensar o papel das novas tecnoloxías na promoción cultural e patrimonial, e de superar dunha vez a concepción museística do noso patrimonio servíndonos de novas tecnoloxías coma os propios percorridos virtuais que vimos de presentar, as representacións tridimensionais ou mesmo a realidade aumentada".

PUBLICIDADE