Case 200 fogares e negocios de Rianxo poden acceder á banda larga grazas ao plan ÚNICO
mércores, 6 de setembro do 2023
A
subdelegada do Goberno, María
Rivas, trasladouse este mércores 6 de setembro ata o concello de
Rianxo para coordinar, xunto ao alcalde Julián Bustelo, o
dispositivo de seguridade das Festas de Guadalupe que se
celebrarán dende este venres 8 até o 15 de setembro. Rivas
aproveitou a súa estadía en Rianxo para facer balance dos froitos
acadados no concello grazas aos investimentos do Executivo central, a
través do Plan de Recuperación. Entre estes investimentos destacou
o Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos
(PIREP) que, dotado con 978.710 euros, permitirá recuperar o
histórico Pazo de Martelo que acolle na actualidade a Biblioteca
Municipal. Tamén lembrou que grazas ao Plan ÚNICO levouse banda
larga a case 200 fogares e negocios de Rianxo que non viñan contando
con esta tecnoloxía.
Eficiencia
enerxética e banda larga
María
Rivas lembrou tamén as axudas para eficiencia enerxética, 798.716
euros que permitiron a substitución da práctica totalidade da
luminaria do concello co consecuente aforro nos fondos das arcas
municipais.
No
que se refire á banda larga, dixo que se trata dunha actuación que
contou cun investimento de 36.848 euros dentro do Programa ÚNICO do
Ministerio de Asuntos Económicos, e que grazas a este plan dotouse
de Internet de alta velocidade a 194 domicilios e negocios do termo
municipal.
Ademais,
María Rivas fixo fincapé no investimento de 48.813, 63 euros
realizada polo Goberno en materia do Pacto de Estado Contra a
Violencia de Xénero que ten como obxectivo impulsar medidas para
identificar e erradicar os comportamentos sexistas na sociedade.
34,4
millóns no Barbanza
A
subdelegada do Goberno tamén aproveitou a súa visita a Rianxo para
destacar os investimentos do Goberno na comarca de Barbanza, que xa
superan os 34,4 millóns de euros.
María
Rivas subliñou que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo,
destinou 6,4 millóns de euros á comarca co obxectivo de avanzar
cara “a un turismo máis sustentábel e moderno e impulsar a
dixitalización do sector”. María Rivas lembrou que a
Mancomunidade de Municipios do Barbanza, da que forma parte o
concello de Rianxo xunto cos de Boiro, A Pobra e Ribeira, obtivo
976.800 euros dentro da iniciativa Traslatio Experiencial. Ruta
Mar de Arousa río Ulla, destinada a dixitalizar e modernizar as
entidades locais que forman parte da Rede de Destinos Turísticos
Intelixentes do Camiño de Santiago para mellorar a atención e
experiencia do peregrino na súa travesía.
Rivas
tamén destacou os 1,5 millóns de euros concedidos á Mancomunidade
para o desenvolvemento do seu Plan de Sustentabilidade Turística,
que pretende reforzar a oferta de turismo activo a través da oferta
enogastronómica da comarca.
A
subdelegada tamén quixo destacar os investimentos realizados no
concello de Ribeira, que ascenden a un total de 4,1 millóns de
euros, para mellorar a seguridade e a calidade de vida do municipio.
Este investimento divídese en 3,1 millóns de euros do Ministerio de
Interior, que foron destinados á construción dunha nova comisaría
de Policía para fortalecer e garantir os servizos de seguridade, e 1
millón de euros do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda
Urbana para actuacións de mobilidade sustentábel que favorezan á
calidade de vida do municipio.
Ademais,
no transcurso deste mércores a subdelegada do Goberno presidiu,
xunto ao alcalde Julián Bustelo, a xunta de seguridade local para
coordinar coas forzas e corpos de seguridade o dispositivo que se
despregará durante a celebración das Festas de Guadalupe do 8 ao 15
de setembro. Prestarase apoio de patrullas da Garda Civil, Garda
Civil de Tráfico e Salvamento Marítimo.
Lembrou
tamén que os festexos virán acompañados dun punto violeta no que
se recibirá información contra calquera tipo de violencia machista
e ao que se poderá acudir para solicitar axuda no caso de que fose
necesario.