Case 7.500 estudantes de Bacharelato preséntanse ás probas de competencia dixital da Xunta
mércores, 12 de marzo do 2025
A Consellería de Educación confirmou que preto duns 7.500 alumnos de 2º curso de Bacharelato de toda Galicia realizan estes días nos seus respectivos centros as probas de competencia dixital impulsadas pola Xunta co “obxectivo de que certifiquen o seu nivel de coñecemento e destreza neste eido”. A Consellería engade que esta iniciativa está aliñada co obxectivo da UE de acadar que en 2030 un mínimo do 80% da poboación conte con competencias dixitais.
Apunta tamén que a finalidade destas acreditacións é “garantir a axeitada formación e preparación do alumnado e dos docentes para afrontar os novos retos da sociedade, enmarcado na Estratexia EduDixital 2030 que fomenta un modelo de aprendizaxe híbrido en Galicia, onde o dixital e o analóxico conviven e se complementan ao longo do ensino”.
Estes e outros datos foron compartidos este 12 de marzo pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, durante unha visita ao Instituto IES Pontepedriña destinada a supervisar a realización destas probas por parte do alumnado deste centro compostelá, onde salientou que a meirande parte dos alumnos que se presentan, supéraas, “acadando así esta certificación moi relevante para a procura dun emprego no futuro, de acordo co marco normativo establecido en toda Europa”. Sinalou que o curso pasado, o primeiro que se poñía en marcha este sistema, lograron acreditar o B2 completo un total de 6.264 estudantes de Bacharelato, o 91% dos presentados.
A directora xeral tamén recordou que Galicia é “a primeira comunidade autónoma en habilitar un sistema específico de acreditación de competencias dixitais para o ensino, procedemento que se puxo en marcha por primeira vez o pasado curso e que beneficia tanto ao profesorado como aos estudantes”. Grazas a el, sinalou, “todo o alumnado que remata a ESO obtén automaticamente o nivel A2 de iniciación en competencias dixitais, mentres que o que remata Bacharelato obtén o B2 parcial, o que representa o nivel mínimo determinado polos currículos”. A maiores, ofrécese unha proba (como a que están realizando os alumnos do Instituto de Pontepedriña) para que os estudantes poidan demostrar un nivel superior en base aos coñecementos adquiridos.
O desenvolvemento das probas para acreditar o nivel intermedio consiste en superar cinco áreas: procura e xestión de información e datos, comunicación e colaboración, creación de contidos dixitais, seguridade e resolución de problemas.
