Case a totalidade dos concellos galegos contan con eSede

luns, 28 de decembro do 2020 Sandra Rivadulla

O 93, 4% dos concellos galegos contan con sede electrónica, segundo o informe bianual A Administración electrónica nos concellos galegos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) con data do 2019. Este informe, que se inclúe no Plan Galego de Estatística 2017 – 2021, avalía cada 2 anos a situación das infraestruturas, equipamento e o nivel de desenvolvemento da sede electrónica dos concellos, ademais da interoperabilidade entre as administracións e outros indicadores.
En xeral, case a totalidade dos concellos contan cunha sede electrónica. O 97,1 % teñen rexistro electrónico, mentres que o pago electrónico é o servizo de menor uso, aínda que incrementou dende 2017.
O máis positivo obsérvase no procedemento das notificacións electrónicas, xa que creceu 44 puntos porcentuais en 2 anos. Así, o 91,4% dos habitantes dos concellos contan co servizo de notificacións electrónicas. Tamén incrementaron servizos como o rexistro de documentos ou as solicitudes e obtencións de permisos. Do mesmo xeito, o catálogo de procedementos online conseguiu 38,2 puntos porcentuais máis que en 2017. Isto tradúcese en que o 65,6% dos galegos fan as súas solicitudes a través de internet.
Unha das grandes vantaxes da Administración electrónica é que o 32,3 % dos concellos xa non entregan documentos como o DNI ou certificados tributarios de forma física. De feito, durante o 2019, o 54,2% dos municipios substituíu a obriga de aportar documentos por declaracións responsables.
En canto á participación cidadá, o correo electrónico é o medio máis utilizado polos concellos, cun 97,7%. Increméntase o uso das redes sociais que chegan ó 67,8%, 8,8 puntos porcentuais máis que no 2017. Facebook e a rede que conta cunha maior utilidade, seguida de Twitter. O portal de transparencia medra 24,8 puntos porcentuais e ten cabida en case todos os concellos galegos (87%).
As aplicacións e programas informáticos dos concellos que contan con maior presencia son o padrón de habitantes (96,7%), o de contabilidade (96,2%) e o de rexistro de entidade (94,3%). Sen embargo, a aplicación que máis creceu dende o 2017 foi a de contratación. Os sistemas de identificación e certificación sitúanse agora mesmo no 95,3%. Neles, o método máis utilizado é o nome de usuario e a clave do ordenador, seguido do DNI electrónico e do certificado dixital.
Cabe mencionar que no 2019 reforzouse a presenza do software libre. Así, esta práctica utilízana entre o 60 e 40 % dos concellos.

PUBLICIDADE