Catorce startups innovadoras participarán na 3ª edición da aceleradora BF ClimaTech

martes, 3 de marzo do 2026 S. P.

A Business Factory (BF) ClimaTech, a aceleradora ambiental de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), celebrou este martes 3 en Santiago o acto de benvida aos 14 proxectos que participarán na súa terceira edición. O evento marcou o inicio oficial do programa, tras un proceso de selección no que se analizaron preto de 70 candidaturas.
As iniciativas seleccionadas nesta terceira edición abordan unha ampla diversidade de retos ambientais vinculados ao desenvolvemento de novos materiais, á valorización de residuos e á optimización da súa recollida, á produción e aproveitamento de enerxías renovables, e á aplicación de tecnoloxías para a certificación ambiental, a agricultura e a industria cultural.
Ademais da presenza maioritaria de iniciativas galegas, esta terceira edición conta con proxectos procedentes doutros territorios, reforzando a dimensión nacional e internacional do programa. Entre as firmas participantes atópanse iniciativas con sede en Madrid e Bizkaia, así como unha proposta procedente da República Dominicana, o que, en palabras de Viratec, “evidencia a capacidade de atracción da BF ClimaTech máis alá do ámbito autonómico”.
Durante os próximos nove meses, as novas firmas participarán nun programa orientado a acompañar o seu crecemento, reforzar a súa proposta de valor e facilitar a súa conexión co ecosistema empresarial, científico e investidor do sector ambiental. O programa está estruturado en tres itinerarios, deseñados para adaptarse ao grao de madurez das iniciativas: incubación, dirixido a proxectos en fases iniciais; aceleración, para startups cunha solución validada; e consolidación, orientado a empresas con capacidade de expandir mercado.
Proxectos seleccionados
Os proxectos seleccionados no itinerario de incubación son:
-NexoInn. Desenvolvemento de catalizadores e membranas fotocatalíticas para obter produtos de alto valor engadido como hidróxeno, metanol e amoníaco.
-Permae. Composteiro doméstico fabricado con redes de pesca recicladas e integrado nun sistema de verificación mediante IA e NFC.
No itinerario de aceleración, foron seleccionadas as seguintes iniciativas:
-Mel do Capón. Modelo integral de apicultura sostible con sensores de Internet das Cousas (IoT), electrificación solar e monitoraxe avanzada.
-La Tribu Verde. Desenvolvemento dun sistema de integración de criterios ambientais en eventos culturais.
-Circular Climb. Creación de agarres de escalada fabricados con material reciclado baixo principios de economía circular.
-Thermopath. Batería térmica de alta temperatura para almacenar excedentes de electricidade renovable como calor e entregalos a procesos industriais intensivos.
-Compostree. Novo material compostable creado a partir de residuos forestais que substitúe ao plástico para os protectores de árbores nas grandes plantacións.
-Limea. Pinturas naturais de cal con enfoque circular e baixo impacto ambiental para a rehabilitación e a arquitectura.
-Ecolabel.AI. Plataforma SaaS para automatizar o etiquetado ambiental conforme á normativa europea.
-Cornea. Sensores baseados en neutróns cósmicos para medir a humidade dos solos de cultivo.
Finalmente, os proxectos que participarán no itinerario de consolidación son:
-SOS Biotech. Economía azul e circular para a recollida e valorización de algas mediante tecnoloxía patentada de recolección.
-Reciclaje Inteligente: Contedores intelixentes con sensores IoT para optimizar a recollida de residuos e promover a participación cidadá.
-Roseo. Mini eólica urbana modular con plataforma dixital para a descarbonización urbana.
-Bioplástico Circular PBB: Produción de bioplásticos biodegradables a partir de residuos industriais.