Centum recibe a visita de David Regades e confirma a súa vindeira presenza en EE UU

luns, 10 de abril do 2023 S. P.

O delegado de Zona Franca, David Regades, visitou a semana pasada a sede da empresa viguesa Centum, especializada en proxectos avanzados de tecnoloxía para a comunicación e enxeñaría do sinal (por exemplo LifeSeeker, sistema electrónico deseñado baixo estándares aeronáuticos que converte os teléfonos baixo a súa área de actuación en radiobalizas, permitindo así detectalos, identificalos, localizalos e mesmo se comunicar con eles). A visita de Regades coincidiu cunha boa nova para para a empresa galega: a autorización para comercializar no mercado de Estados Unidos.
A compañía viguesa instalada no edificio CITEXVI do Campus da Uvigo está participada por VigoActivo.
O seu sistema de localización de persoas desaparecidas, Lifeseeker, xa acumula máis de cen casos de éxito en máis de 25 usuarios finais, só no último ano.
David Regades estivo acompañado polo director executivo (CEO) da empresa, Héctor Estévez. Centum Research & Technology, forma parte do grupo Centum, fundado en 2010 co obxectivo de deseñar, desenvolver e comercializar sistemas aeronáuticos de misión para os mercados de emerxencias, seguridade, defensa e aeroespacial.
Crea solucións tecnolóxicas que maximizan a eficiencia en operacións como procura e rescate, vixilancia marítima, loita contra incendios, comunicacións de emerxencia ou control de fronteiras. A compañía conta con 45 empregados dos que un 35% son mulleres
Segundo se puxo de manifesto na visita de Regades, Lifeseeker é o “buque insignia” da empresa. Trátase, máis en detalle, dun sistema aeronáutico de localización de teléfonos móbiles para atopar a persoas desaparecidas a través da xeolocalización do seu teléfono móbil, mesmo en áreas sen cobertura. Lifeseeker baséase nunha simple premisa: o teléfono móbil é a baliza máis estendida do mundo e aproveita isto para converter estes dispositivos en balizas de emerxencia capaces de guiar aos equipos de rescate a unha localización exacta.

PUBLICIDADE