Chamamento á blogosfera para participar no Día Internacional do Neno

martes, 21 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

O 20 de novembro celébrase a nivel mundial o Día Internacional do Neno, unha data de especial relevancia no eido da Sociedade da Información e as novas canles de comunicación dixital, sobre todo se temos en conta que é a través delas onde actúan hoxe en día unha boa parte das persoas que infrinxen os dereitos básicos dos cativos. Tendo en conta isto, e baseándose tamén no punto de vista contrario (na Rede tamén están arestora a maior parte das persoas que lles poden pór cerco aos pederastas e aos que promoven o abuso infantil), a Rede está a pechar fileiras arredor desta celebración e do que significa.
Segundo informa El Navegante, é concretamente a blogosfera a que se está a poñer en marcha. E faino cun chamamento xeneralizado a unirse á dita campaña e participar contra a lacra da pornografía infantil. Esta iniciativa en concreto xurdida ao abeiro do Día do Neno, na que poderemos concorrer cun post a publicar a vindeira data do 20 de novembro no que critiquemos directamente os abusos á nenez, baséase en boa medida no efecto pegada mediática que ten unha proposta colectiva e simultánea na Internet.
De feito, o que se pretende é que calquera busca que se faga desa xornada en adiante sobre “pornografía” e “infantil” remita de xeito directo aos moitos blogs participantes na campaña (de aí que, para tomar partido nela, se pedira un único requisito: que cada entrada escrita para a ocasión incluíse a frase “Pornografía infantil NO”).
Por certo que a campaña vén da man de La Huella Digital, o caderno do xornalista Nacho de la Fuente, e máis de Vagón-bar, o blog persoal do columnista de La Voz de Galicia, Paco Sánchez. A raizame da iniciativa está precisamente nun texto escrito polo propio Sánchez no seu caderno, o artigo Pornografía Infantil.