Chega a 25 edición do curso de xestión de proxectos áxiles de Vitae

mércores, 20 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Este mes de marzo, Vitae Consultores achéganos a nova entrega dun dos seus cursos máis referenciais, tanto polo número de ocasións en que ten sido celebrado, como polo interese xerado entre os nosos profesionais das novas tecnoloxías e da innovación, un interese que non decae, en boa medida porque lles subministra un xeito rápido, actualizado e eficaz de converter cadansúa empresa no que sería un buque axeitadamente gobernado. Estamos a falar do Curso sobre Dirección e Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum, Scrumban e Lean Software, que chega en marzo á súa 25 edición. Como nas anteriores ocasións, será unha oportunidade inmellorábel para capacitarnos nas metodoloxías que nos permiten poñernos na pel dos destinatarios dos nosos proxectos: coñecer o que precisan mesmo antes de que nolo comuniquen.
O curso, que achega a opción de Certificación Scrum Manager Nivel Experto, celébrase novamente na Coruña (Hotel Attica 21) os días 22, 23, 29 e 30 de marzo.
Segundo recalcan dende Vitae Consultores, estamos ante unha actividade formativa de 20 horas que nos pon ao día nas metodoloxías coas que aplicar modelos de tráballo áxiles, uns modelos que engaden eficacia e rendibilidade e que, a maiores, permiten que establezamos a meirande proximidade cos clientes do proxecto no que estamos a traballar, sabendo o que precisan en todo intre, mesmo anticipándonos ás súas demandas e acadando a mellor comunicación posíbel.
Segundo Vitae, a orixe do obradoiro está, tamén, nas vantaxes de anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade coordinadora de Proxectos e responsábel de Seguridade da Calidade do Desenvolvemento de Software na dirección de Electrónica HMI do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG. Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE