Chega a Europa o accesorio de FiftyThree que facilita debuxar no iPad
mércores, 16 de xullo do 2014
A aplicación Paper de FiftyThree que permite converter o
iPad nun papel sobre o que debuxar expresando a nosa creatividade non só pode
empregarse cos dedos, senón que tamén conta con accesorios moi atractivos para
debuxar directamente sobre a pantalla do tablet. Falamos dos lapis dixitalizadores Pencil, que
até o momento só estaban dispoñibles en EE.UU. e que finalmente xa os temos en
Europa a través de Amazon.
Amazon en Francia, Alemaña e Reino Unido xa distribúen os dous modelos de
Pencil achegados por FiftyThree, aínda que dende España tamén os temos
dispoñibles a través dun distribuidor alternativo, polo que podemos
facernos co Graphite Pencil por 76,56 euros, ou Walnut
Pencil por 87,41 euros. O segundo modelo non só muda a súa aparencia dun
acabado metálico negro optando por un acabado de madeira de nogueira, senón que
tamén está preparado para que poida suxeitarse magneticamente sobre a Smart
Cover do iPad, facilitando o seu transporte.
O Pencil permite debuxar sobre a pantalla en distintos grosores (segundo o
ángulo co que premamos sobre a pantalla o lapis), permite empregar a súa parte
traseira a xeito de goma de borrar, detecta cando estamos a debuxar sobre a
pantalla para ignorar os toques sobre a pantalla que fagamos involuntariamente
coas nosas mans e para comunicarse co iPad emprega Bluetooth, polo que a súa
experiencia de uso é moi semellante á que sería empregar un lapis tradicional sobre
o papel. Integra unha batería que pode cargarse en 90 minutos a través de USB,
mantendo a súa carga durante aproximadamente un mes.
- O Pencil de madeira de nogueira pode suxeitarse magneticamente á Smart Cover do iPad