Chega a gran plataforma participativa para preservar e mostrar o tesouro único da toponimia galega

venres, 20 de decembro do 2019 Redacción

Hoxe presentouse unha nova web galega destinada a preservar, visualizar, reivindicar e compartir a riqueza galega en materia de nomes de lugar. Trátase de Galicia Nomeada, unha plataforma que nace directamente dun caso singular e único a nivel europeo: non existe ningún outro país coma o noso que atesoure tantos e tan variados topónimos de terra e mar (talasonimia). A web foi dada a coñecer polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen destacou o caso único galego, tanto pola cantidade como pola antigüidade e a densidade de denominacións por km2. O proxecto foi desenvolvido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración coa Real Academia Galega (RAG).
Entre os seus puntos máis destacados inclúese unha aplicación colaborativa que permite recoller a microtoponimia, rexistrala, xeorreferenciala e difundila desde o novo Portal de Toponimia de Galicia, cuxa actualización se deu a coñecer no mesmo acto. Conta co financiamento do proxecto GEOARPAD, como acción integrada no programa INTERREG.
O vicepresidente da Xunta destacou que este proxecto é unha “iniciativa aberta á cidadanía, porque implica a toda a sociedade na labor de conservar, poñer en valor e recuperar unha parte tan importante do noso patrimonio, como é a toponimia”. Desta forma, dixo, “calquera persoa pode participar de forma activa e colaborar coas súas achegas para enriquecer máis as bases de datos”.
Na presentación participaron tamén a directora da AMTEGA, Mar Pereira; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director do Instituto de Estudos do Territorio, Guillermo Ramón Evia; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; e o técnico da Real Academia Vicente Feijoo.
O secretario xeral de Política Lingüística salientou “a estreita colaboración da RAG e o gran traballo feito pola AMTEGA para deseñar esta plataforma e esta app e poñer ao día este portal e, en xeral, para desenvolver ferramentas que permiten que o idioma propio de Galicia estea na vangarda das tecnoloxías da lingua e que o galego funcione como unha lingua tecnolóxica e do século XXI”.
Pereira lembrou que se trata dun proxecto enmarcado na Memoria Dixital de Galicia, a estratexia político-cidadá-investigadora para consolidar un fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e facilitar a súa difusión e a súa accesibilidade desde calquera recanto.
A plataforma Galicia Nomeada ten versión de escritorio e aplicación dispoñíbel para móbiles con Android e iOS. Entre outras funcionalidades interesantes, permite a colaboración da cidadanía na recolleita da nosa microtoponimia, o seu rexistro nunha base de datos, a súa xeorreferenciación e a difusión a través dun visor de topónimos desde o propio Portal de Toponimia de Galicia.
Como usala
A través dunha interface sinxela e intuitiva, permite introducir e localizar microtopónimos de forma individual, aos que se lle pode engadir unha imaxe, arquivos de son e vídeo (formatos MP3 e MP4) e textos explicativos, todo para favorecer, baixo supervisión dun equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da RAG (que contrastará e verificará a súa existencia), achegas “de gran valor informativo ao xa rico patrimonio toponímico do país e referencia para os traballos da Administración pública, a investigación, o sector empresarial e a sociedade en xeral”, informaron hoxe a RAG, Vicepresidencia, Política Lingüística e máis AMTEGA, lembrando tamén que quen desexe colaborar no proxecto ten ao seu dispor un formulario de contacto online, onde, alén dos seus datos persoais, deberá indicar os motivos que o levan a participar no proxecto e os lugares, aldeas ou concellos nos que vai traballar.

PUBLICIDADE