Chega en decembro a terceira edición do curso de auto-coñecemento de Vitae Consultores
mércores, 16 de novembro do 2022
Vitae
Consultores, a través da súa aula virtual, vai ofrecer este mes de
decembro a terceira edición dunha actividade formativa na que todos
os elementos teóricos e prácticos están dispostos para axudarnos a
ser mellores profesionais e atopar o camiño máis axeitado para
desenvolver o noso talento e a nosa capacitación. Trátase
do curso Auto-coñecemento do Perfil Profesional. Serán quince
horas de formación a desenvolver os días 12, 14, 15, 19 e 20 de
decembro.
O
obxectivo concreto do curso é subministrarnos recursos para exercer
a nosa carreira profesional do mellor xeito posíbel, con completo
coñecemento das nosas capacidades e con metodoloxías que nos axuden
a xerar o mellor ambiente e as máximas eficacia, eficiencia e
rendibilidade.
Segundo explican dende Vitae máis en detalle,
“un dos problemas máis frecuentes en calquera carreira profesional
é que non se nos capacita coas ferramentas psicolóxicas básicas
para coñecernos a nós mesmos, pois ninguén nos formou para iso”.
Neste senso, indican dende a consultora, o primeiro paso como
profesionais e para traballar cun equipo ou lideralo é “o auto
coñecemento, é dicir, coñecernos a nós mesmos facilitará a
compresión do noso perfil profesional e dos perfís profesionais
diferentes ao noso, o que mellorará a comunicación e a
colaboración, xa que entenderanse as intencións e motivacións
reais das persoas coas que traballamos, diminuíndo os conflitos
debidos a unha incorrecta interpretación na comunicación cos
compañeiros e compañeiras”.
En definitiva, no curso
proporcionaranse as ferramentas para o auto coñecemento e ter unha
perspectiva baseada na ciencia para orientar na elección dun camiño
profesional e traballar en equipo.
O curso virá da man de
Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de
experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os
recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en
Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de
Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense
responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000
procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.