Chega este novembro Utopía Noroeste, o encontro galego sobre as tecnoloxías que nos axudarán a superar a crise da COVID

martes, 17 de novembro do 2020 S. P.

Vigo e Ourense acollen esta semana o evento Utopía Noroeste, congreso de innovación, tecnoloxía e ideas disruptivas que ten como obxectivo principal “reflexionar sobre as innovacións e os cambios que deixou a pandemia, e como teremos que enfrontarnos a eles dunha maneira sustentábel”. O dito congreso arrinca en Vigo este xoves 19 cun encontro en formato mixto (presencial e virtual) aberto ao público, onde poderemos escoitar en directo a algúns dos maiores especialistas do ámbito estatal en Realidade Virtual, Intelixencia Artificial, estándar 5G, videoxogos e Cidades Intelixentes. Quen queira participar no evento, que conta co Grupo Código Cero (Código Cero e O Barbanza) na súa longa listaxe de colaboradores, pode formalizar libremente a súa inscrición na páxina web www.utopianoroeste.com, que será a canle de comunicación dos ditos expertos coa súa audiencia.
Segundo informa a organización do congreso a respecto das motivacións do evento, Galicia ten “grandes posibilidades de desenvolvemento dentro do novo marco económico que se abre a partir das innovacións tecnolóxicas e os abruptos cambios que trouxo a crise da COVID, moitos dos cales parecen chegar para quedar... Por este motivo a relación co territorio vai estar moi presente nas charlas, con reflexións sobre como converter o rural nunha oportunidade, grazas á tecnoloxía e como adaptarse a estes cambios”.
O congreso Utopía Noroeste está co-financiado pola Xunta de Galicia dentro do programa de promoción de turismo MICE e a Deputación de Ourense, dentro da súa estratexia de futuro, Provincia Intelixente.
A xornada inaugural do xoves 19 celebrarase no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, arrincando cunha intervención sobre sistemas con capacidade de análise e pensamento da man de José María Lasalle, escritor e profesor universitario, autor do recente ensaio Ciberleviatán. Tamén se reflexionará sobre as estratexias de innovación nos contidos dixitais coa disertación de Adriana Moscoso, directora xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación do Ministerio de Cultura, e sobre Cidades Intelixentes, coas reflexións de Manuel Baltar, oresidente da Deputación de Ourense. Jaime García Cantero, director de contidos do Foro Retina (El País), porá o peche a esta xornada de debate, cunha charla sobre as tendencias tecnolóxicas que veñen. Ademais a nova compositora viguesa Max foi convidada a interpretar algunhas das súas novas composicións.

Juan Rivas, Manuel Baltar e Nava Castro na presentación virtual do congreso

O venres 20 o congreso trasládase ao Pazo de Vilamarín en Ourense onde os protagonistas serán os videoxogos. O seu perfil máis creativo estará presente cunha charla sobre a música nos videoxogos, na que o produtor musical Denis Siks contará a súa experiencia sobre a creación de música para empresas de videoxogos internacionais, desde o seu estudo en Cangas do Morrazo. E tamén a xornada servirá de marco para a presentación do Libro Branco Español de Desarrolladores de Videojuegos, por parte de Antonio Fernández. Este documento é unha edición especial que contén un informe para contextualizar o panorama da industria do videoxogo en Galicia e as tendencias de futuro. E con esa mirada de futuro, entregaranse por primeira vez os premios da categoría de Creación de Videoxogos, unha área incorporada como novidade nesta edición 2020 aos Premios Xuventude Crea, programa desenvolvido desde hai 10 anos pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para premiar o talento de persoas novas creativas galegas. Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dará a coñecer os proxectos da mocidade premiada. A xornada do venres complétase coa intervención de Edgar Martín Blas, responsábel de Virtual Voyagers, onde analizará o futuro máis inmediato da Realidade Virtual.
A sesión final do sábado 21 arrincará cunha charla sobre moda e adaptación aos cambios, co testemuño de Amalia Formoso, responsábel da firma de moda Zurita, quen desde China explicará como a súa empresa se adaptou ás novas tecnoloxías.
A vicerreitora da Universidade de Vigo Natalia Caparrini reflexionará sobre as carreiras de futuro e a fenda de xénero nas denominadas STEAM (siglas en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas) e María Rodriguez e Edo Sadikovic (responsábeis do espazo de traballo colaborativo Sende, emprazado nunha aldea do Xurés) achegarán unha visión moi persoal sobre os nómades dixitais. Pola súa banda, Fernando Suarez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e do Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros Informáticos, disertará sobre Ourense como provincia intelixente e o turismo do futuro. Tamén haberá un espazo para o debate sobre a implementación do 5G, con Luis Álvarez Sestelo, presidente da asociación galega de empresas tecnolóxicas Ineo e a xestión integral a través da visualización avanzada será obxecto de análise por parte de Manuel Meijide, experto en Smart Cities e Industria 4.0, quen desenvolverá na súa intervención o concepto do “xemelgo dixital”. Esta primeira edición finalizará coas reflexións sobre emprendemento tecnolóxico de Carlos Blanco, emprendedor e investidor no sector das novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE