Chega o Primux Omega5, unha oportuna ferramenta de traballo e lecer
venres, 4 de xullo do 2014
Amais da
presentación de Delta4 temos máis novidades dende a compañía
galega Primux Tech. Máis polo miúdo, a posta en longo do Primux
Omega5, un novo chanzo nunha escaleira longa e ben produtiva de
lanzamentos: aos novos modelos Primux Tech Kappa e Sigma, uniuse o
Zeta2 (evolución do Zeta) e agora chega, “e pisando moi forte”,
a quinta xeración do Omega, o máis veterano dos smartphones
da firma galega xunto coa familia Alpha. En palabras de Primux,
“estamos ante a nova achega dun teléfono intelixente plenamente
consolidado no mercado e moi demandado polo seu gran tamaño (cinco
polgadas), as súas óptimas prestacións e o seu prezo axustado”.
O Omega5 amosa unha
pantalla moi lixeira de alto contraste IPS/OGS de 5,5 polgadas
(139,70 mm), procesador Quad Core de 1,3 Xhz, en palabras dos seus
fabricantes “especialmente proposto para axilizar as aplicacións
de ofimática e mover con axilidade vídeos e xogos”. O procesador
compleméntase con 1 XB de memoria RAM DDR3 e 16 XB de capacidade de
almacenaxe interna, ampliábeis a 32 XB mediante tarxeta microSD.
“Dado que este
smartphone está orientado a ser unha ferramenta indispensábel
de traballo e lecer pola súa configuración”, informa Primux Tech,
“foi desenvolvido para estar sempre conectado dende tódalas
frontes e niveis”. Para isto, dispón de conexión 3G, Wi-Fi/n de
alta velocidade, Bluetooth 4.0, GPS que funciona de forma autónoma
sen depender da conexión 3G e sistema Dual SIM para dar acubillo a
dúas liñas telefónicas independentes. Tamén presenta dobre cámara
de fotos: a frontal de 1,3 mpx (pode usarse como cámara web) e a
traseira de 13 mpx. E para mover todo isto, o Omega5 incorpora unha
batería de 2.800 mAh que alimenta a todos estes dispositivos
“durante unha chea de horas e sen necesidade de recargala”,
engade a empresa galega.
O software que emprega é
o Android 4.4 Kit Kat, a última versión do sistema operativo
Android, especialmente indicado, engádese, para tirar o máximo
partido dos recursos do Omega5.