China podería ter realizado unha xigantesca operación de espionaxe cibernética

venres, 5 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Dende Bloomberg Businessweek están a destapar un grande escándalo que afectaría ás meirandes empresas tecnolóxicas dos EE.UU., que terían sido vítimas dun ataque cibernético procedente de espías chineses posible grazas á introdución dun chip diminuto no hardware de moitos servidores, o que podería ser un dos casos de espionaxe deste tipo máis importantes da historia.
Ao parecer mentres Amazon estudaba a compra de Elemental Technologies en 2015 realizouse un escrutinio da seguridade da startup, descubrindo nos seus servidores fabricados por Supermicro un diminuto microchip (do tamaño dun gran de arroz) instalado nas súas placas base, do que terían informado ás autoridades estadounidenses xa que este tipo de hardware se empregaba en servidores militares e de servizos de intelixencia, polo que potencialmente estariamos ante un acto de espionaxe sumamente sofisticado que tería chegado a niveis inéditos.
Dende a publicación norteamericana aseguran que tras anos de investigación determinaron que os chips infiltrados permitían abrir portas traseiras practicamente indetectables, e tamén terían determinado que a instalación dos microchips realizouse en fábricas chinesas.
Entre as compañías afectadas por esta grande operación de espionaxe estarían unha grande entidade bancaria, varios contratistas gobernamentais e incluso Apple, aínda que a compañía de Cupertino desmentiu tal información en numerosas ocasións pese a que Bloomberg asegura ter 3 fontes dentro de Apple e 4 dentro do goberno dos EE.UU. que confirman que Apple foi vítima dos ataques.
Ante esta situación é sumamente difícil saber a verdade, xa que ante unha investigación de seguridade nacional é máis que probable que Apple teña legalmente prohibido dar ningunha información ao respecto, e incluso podería ter ordes expresas de negar o acontecido.
Os informadores de Bloomberg aseguran que China non pretendía roubar información de usuarios finais, senón acceder a datos sensibles do goberno estadounidense e a segredos corporativos valiosos, ou sexa, que estariamos ante unha xogada a longo prazo.
Aínda que a información publicada continúa a pórse en dúbida, resulta curioso que en agosto de 2016 Supermicro recoñecese ter perdido a 2 dous seus meirandes clientes (posiblemente Apple e Amazon) que terían deixado de traballar cun provedor do que non poden confiar, e todos estes movementos tamén botarían leña ao lume sobre a batalla que as autoridades estadounidenses teñen con compañías como ZTE e Huawei, ás que practicamente declararon a guerra sen presentar evidencias de que puidesen ser unha ameaza real para os EE.UU.
Tamén resulta rechamante que as negacións por parte de Apple e Amazon sexan tan exhaustivas, indicando numerosas imprecisións no artigo de Bloomberg Businessweek. Mentres non se teña máis información quedará a dúbida no aire de se realmente se produciu unha das maiores accións de espionaxe da historia, aínda que o feito de que o artigo publicado fose froito de moitos meses de investigación e que teñan un total de 17 persoas como fonte de información fai difícil crer que esteamos ante un conto.

PUBLICIDADE