Chuvia de recoñecementos ás nosas empresas TIC nos Premios AJE Galicia 2019

luns, 8 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A máis recente edición dos Premios AJE Galicia, concedidos o venres pasado pola Asociación de Empresarios Novos, tiveron notábel presenza tecnolóxica. Por exemplo, a de Livetopic (asesor online que facilita planificacións financeiras, con sede en Pontevedra) e a de Cowerwind Solutions (servizos avanzados para o sector eólico). Amais, tamén obtiveron importantes recoñecementos as firmas Improving Metrics, con sede na Coruña e centrada en achegar servizos integrais e avanzados de analítica de datos e procesos de calidade da información, e máis Aerocamaras, con centro de operacións en Ourense e especializada en formación no uso de vehículos aéreos non tripulados e no desenvolvemento de drons con capacidades de xestión e autonomía pioneiras no mercado.
A entrega de galardóns foi en Sanxenxo, no Club Náutico. Ao certame presentáronse 34 candidaturas e delas o xurado salientou o denominador común do seu carácter innovador.
Polo que se refire a Improving Metrics, recibiu o Accésit á Innovación por parte do xurado, quen destacou a calidade dos proxectos desenvolvidos pola empresa ao longo de case 8 anos.
O Premio Xove Emprendedor correspondeulle a Livetopic, e foi recollido por Antonio Casal Rey. O galardón consiste nun cheque económico de 1.500 euros e un cheque formativo valorado en máis de 8.000 euros. Mentres, o Premio Xove Empresario foi para Coverwind Solutions, impulsada por Francisco Álvarez López, Pablo Domínguez e Íñigo Domínguez.

Manuel Ángel Fernández-Arruty Ferro, de Aerocamaras, recibindo o galardón

Polo que se refire a Aerocamaras, recibiu o Premio á Internacionalización. Este galardón, en palabras da empresa, “recoñece o relevante traballo da compañía liderada por Jaime Pereira, presente en máis de 15 países do mundo, aos que subministra servizos innovadores con drons e máis as posibilidades e vantaxes de xestión, control e operatividade que se abren co AeroHíbrido, o dron con meirande autonomía de voo do mundo, desenvolvido por Aerocamaras”. O xurado valorou da compañía galega a súa capacidade de medre en mercados internacionais, o impulso na diversificación xeográfica e funcional e a asignación de recursos na estratexia internacional.
Na gala, o presidente de AJE Galicia, José Redondo e o conselleiro de Economía, Francisco Conde nas súas intervencións enxalzaron a valía e importancia dos novos emprendedores e emprendedoras no panorama económico actual.

PUBLICIDADE