Cinfo métenos na vangarda da intelixencia artificial aplicada á TV
luns, 16 de xullo do 2018

- Antonio Rodríguez del Corral na Xornada Tecnolóxica do Cluster TIC Galicia
A
nosa terra vén de poñerse un pouco máis preto da vangarda
tecnolóxico-audiovisual. E
faino da man de Cinfo, ata o de agora filial de R, que vén de pór
en marcha unha iniciativa que sería a nosa entrada definitiva no
ámbito da intelixencia artificial aplicada á televisión. A
iniciativa en cuestión, que desenvolverá o seu labor baixo a marca
Tiivii, será comandada polo ex director de Innovación de R, Antonio
Rodríguez Del Corral, que dirixe o grupo investidor que mercou á
operadora de cable galega a filial tecnolóxica de vídeo. Del Corral
aposta por un plan de expansión que “prevé triplicar o tamaño da
empresa nos vindeiros 4 anos”.
A
adquisición, na que participaron outros accionistas xa presentes na
compañía, baseouse “na continuidade do negocio e o mantemento do
emprego” a través da renovación do contrato de servizos de
innovación coas compañías que integran o Grupo Euskaltel (no que
está incluído R).
Cinfo,
que como dixemos operará coa marca Tiivii, negociou ademais un plan
de investimentos propio para o lanzamento comercial do seu novo
catálogo de produtos, baseados no concepto de TV Automática.
Entre
os puntos fortes da nova andaina de Cinfo figuran, como dixemos, os
sistemas de intelixencia artificial de Tiivii. Estes acubillan unha
manchea de características, salientables, como a funcionalidade de
achegar (logo de seren instalados en calquera recinto cultural ou
deportivo) seguimento integral e automático dun acontecemento
deportivo ou cultural, introducindo grafismos, estatísticas e
locucións e enviando a saída a calquera destino de vídeo. Ademais,
soportan emisións multicámara, realidade virtual e realización
remota para produtoras deportivas ou de espectáculos.
Cinfo,
que conta con preto de medio cento de empregados, traballa arestora
con grandes clientes industriais en proxectos de analítica de vídeo,
fornecemento de metadatos e integración de imaxes con alertas do
mundo real capturadas con sensores. E faino en iniciativas como o
Civil UAV das Rozas, impulsado pola Xunta, onde as súas tecnoloxías
avanzadas de vídeo son carrexadas por aeronaves para posibilitar o
subministro de información ao centro de control dende media ducia de
cámaras por aparello voador, “permitindo manexar de forma
interactiva as imaxes integradas con todos os sensores presentes na
aeronave”.
Cinfo
ten a súa sede no centro tecnolóxico para empresas na Universidade
da Coruña, coa que desenvolveu varias patentes, e mantén relacións
e proxectos cos outros centros tecnolóxicos relevantes de Galicia.
