Cisco, Telefónica e a UVigo impulsan o Network Slicing 5G

mércores, 3 de febreiro do 2021 Pedro Pérez

Cisco, Telefónica e a Universidade de Vigo chegaron a un acordo para lanzar a proba piloto de Network Slicing sobre 5G. O proxecto demostrará a flexibilidade da rede 5G para adaptarse a diferentes servizos e clientes no marco do Piloto 5G Galicia, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Red.es.
Con esta iniciativa pretenden implementar un demostrador sobre a infraestrutura de laboratorio da Universidade de Vigo, onde lanzarán tres slices diferentes: baixa latencia, alta capacidade de banda e emerxencias. Así os clientes poderán desfrutar de contidos en ultra alta definición á vez que se manteñen os recursos da rede móbil en caso de emerxencia.
Ademais, o proxecto permitirá comezar a construír os servizos para clientes que que se comercializarán a través da rede 5G de Telefónica, o que suporá unha mellora á hora da comercialización de cara ó cliente final. Os corpos e forzas de seguridade, medios e comunicación, automóbil, industria e hostalería serán os sectores que se verán máis beneficiados polo Network Slicing.
Como dixemos, Network Slicing nace da colaboración de Cisco, Telefónica e Universidade de Vigo. Por unha banda, Cisco será a encargada de demostrar os beneficios do software cloud nativo coa plataforma Cisco Ultra Packet Core, que é o corazón da creación de servizos e serve para apoiar casos de uso específicos de clientes, constituíndo o proxecto de dixitalización Digitaliza.
Doutra banda, Telefónica coordina o proxecto como provedor dunha das tecnoloxías máis punteiras das redes 5G.
Por último, a Universidade de Vigo traballará no deseño do demostrador, demostrando os beneficios, calidade e versatilidade das tecnoloxías de Network Slicing.
Mercedes Fernández, xerente de Innovación e responsábel de Cidade Tecnolóxicas 5G de Telefónica de España, destacou que “o proxecto serve para dar un importante impulso ao noso obxectivo de facer nosas redes máis flexíbeis e escalábeis para dar resposta con 5G os clientes”.
Ademais, Andreu Vilamitjana, director xeral de Cisco España, dixo que “o 5G é unha gran oportunidade para que os provedores de servizos poidan xerar novos servizos dixitais, rendibilizar os seus investimentos en infraestruturas e, sobre todo, liderar a transformación dixital”.
Network Slicing 5G trátase dun dos proxectos gañadores da primeira convocatoria de axudas ao desenvolvemento do 5G do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, co-financiado por Red.es con fondos FEDER e enmarcado na iniciativa Piloto 5G Galicia, que ten como obxectivo probar a tecnoloxía de diferentes fornecedores e utilizar os resultados para definir as redes do futuro.

PUBLICIDADE