Cisco despedirá a 5.500 traballadores

xoves, 18 de agosto do 2016 Marcus Fernández

A empresa referente en hardware de rede, Cisco, vén de presentar os seus resultados para o cuarto trimestre e o ano fiscal para o período que remata o 30 de xullo, rexistrando uns ingresos trimestrais de 12.600 millóns de dólares, o que supón unha caída interanual do 2%, e de 49.200 millóns de dólares no cómputo anual (suporía un crecemento do 3%), datos que parecen moi positivos, e que indicarían que Cisco mantén un catálogo de produtos moi forte, pero a compañía quere manter o seu pulo, e por iso sorprenden anunciando tamén un plan de reestruturación que permitirá reducir custos nas súas áreas de menor crecemento, centrando os seus esforzos en terreos como a seguridade, a Internet das Cousas, a colaboración, os centros de datos de nova xeración e a nube.
A consecuencia deste cambio afectará seriamente ao cadro de persoal da compañía, que eliminará 5.500 postos de traballo, o que aproximadamente sería o 7% dos traballadores da empresa, comezando este proceso de reestruturación no primeiro trimestre fiscal de 2017.
Aínda que o volume de despedimentos pareza bastante elevado, os rumores apuntaban a que a compañía prescindiría de entre 9.000 e 14.000 empregados en todo o mundo, como consecuencia da súa reorganización para pasar de ser unha empresa de hardware a centrar o seu negocio no software.

PUBLICIDADE