Clubhouse por fin chega a Android

luns, 10 de maio do 2021 Marcus Fernández

A aplicación móbil que puxo baixo os focos o fenómeno do audio social, Clubhouse, que comezou baixo invitación só dispoñible para iOS, finalmente chega a Android como unha aplicación en probas que oficialmente só está dispoñible dende EE.UU. (aínda que pode instalarse sen problema dende o resto do mundo) e mantén a súa condición de plataforma só dispoñible a través de convite, co que pretenden ter un crecemento moderado e así poder escalar a súa infraestrutura paulatinamente.
Clubhouse basicamente é unha aplicación que permite organizar salas de chat nas que particípase coa voz e só teñen a palabra un grupo reducido de usuarios, mentres que o resto poden acudir a xeito de espectadores (que eventualmente poden tomar a palabra se o consideran oportuno os moderadores).
Temos así unha ferramenta que tanto pode servir para organizar debates como para impartir formación, celebrar concertos en directo ou simplemente conversar cos amigos, aínda que a súa ausencia en Android provocou que a súa difusión quedase practicamente limitada a EE.UU., facilitando que Twitter Spaces puidese conseguir un impacto considerable en pouco tempo, xa que aproveitou as carencias de Clubhouse para medrar.
A chegada de Clubhouse a Android realízase un ano despois da súa versión para iOS, fallo estratéxico da compañía que están a aproveitar outras empresas, de xeito que xa non só compiten con Twitter, senón que Telegram e Discord xa contan con alternativas moi solventes e Facebook tamén pretende entrar nesta guerra no verán, de xeito que xustificar o uso dunha aplicación específica para o que os usuarios poden percibir como unha funcionalidade máis será todo un reto para Clubhouse nos vindeiros meses.

A aplicación para Android por fin pode empregarse con normalidade, aínda que para descargala a través da tenda de aplicacións de Google dende fóra dos EE.UU. haberá que agardar ao seu espallamento global oficial

PUBLICIDADE