Codigocero.com: 20 anos na web

domingo, 25 de xullo do 2021 Marcus Fernández

O 25 de xullo de 2001 abriuse á web codigocero.com como unha páxina web para achegar información tecnolóxica en galego, divulgando na nosa lingua o que estaba a acontecer no sector TIC galego e internacional. Este espazo pretendía facilitar o traballo do programa Código da Radio Galega, e do mesmo xurdiron un boletín diario por correo electrónico que actualmente segue en funcionamento, e un boletín semanal en formato PDF que medio ano despois deu pé a esta revista en papel.
En todo este tempo a publicación dixital consolidouse como referente informativo do sector en Galicia, e tamén como iniciativa dixital na nosa lingua, contribuíndo así á normalización do galego no ámbito tecnolóxico.
Estas dúas décadas non terían sido posible sen o apoio de asociacións, empresas, administracións públicas e lectores, sempre receptivos á divulgación na nosa fala, demostrando entre todos que vivir en galego é posible, e que tanto podemos empregar esta canle para saber da tecnoloxía que está a revolucionar o mundo como para proxectar a nosa industria e cultura ao mundo.

PUBLICIDADE