Comeza a conta atrás da XXIX edición da Noite das Telecomunicacións e da Sociedade da Información
luns, 23 de xuño do 2025
O Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia organizan este 26 de xuño, a partir das 19.30 horas, a XXIX edición da Noite das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. No transcurso da gala, que se celebra no Gran Hotel da Toxa (O Grove), entregaranse os Premios Galicia das Telecomunicacións e a Sociedade da Información 2025.
Esta edición desenvolverase baixo o lema Telecos: xestionando infraestruturas críticas. Con el, a gala quere enxalzar “o rol fundamental destes profesionais na xestión de sistemas avanzados de telecomunicacións nas redes de electricidade, gas ou auga, entre outros”.
A xornada arrancará cun cóctel de benvida e unha sesión networking antes da gala, que comezará as 21.00 horas coa intervención do decano do Colexio Oficial e presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez Agrelo.
A continuación, procederase á entrega dos galardóns. Nesta edición, o premio Enxeñeiro do Ano recaerá en Alfonso Juan Álvarez Villamarín, director executivo (CEO) de Cellnex España. Entre os puntos resaltados polo xurado para a concesión do galardón estivo a súa “brillante traxectoria profesional”, que desenvolveu tanto no noso país como no estranxeiro. Ademais de exercer diversos postos directivos en Cellnex, foi tamén conselleiro da Cámara de Comercio Española no Reino Unido. Ademais, resaltouse o seu labor para “o mantemento da continuidade das emisións de radiodifusión, de gran relevancia para todos durante o recente apagamento”, segundo recolle a acta.
O premio Socio de Honra 2025 será para a Corporación Hijos de Rivera. A distinción recoñece o seu apoio á innovación e aposta pola tecnoloxía en favor das iniciativas galegas en Internet a través de propostas como a web Bigcrafters. O Colexio e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia destacan que “esta iniciativa creou un mercado de comercio electrónico dirixido a facilitar a difusión e distribución de produtos artesáns, sobre todo aqueles elaborados en Galicia en pequenas cantidades”.
Por último, o premio AMTEGA ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais 2025 entregarase a atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo) e Samsung España por The Mind Guardian. O proxecto está co-dirixido por Manuel Fernández Iglesias e Luis Anido Rifón e consiste nunha aplicación gamificada para tabletas Android baseada en IA que permite a detección temperá de signos de deterioro cognitivo antes de que aparezan os primeiros síntomas de enfermidades como o alzhéimer. Este avance supón un beneficio para a saúde das persoas maiores de 55 anos cunha mellora da calidade de vida e unha redución dos efectos das demencias ata nun 40%. A súa interface sinxela e os seus resultados —que demostraron un alto grao de precisión no 97% dos casos— teñen un impacto positivo en zonas cunha poboación avellentada e dispersa, como Galicia.
Unha vez rematada a entrega dos premios, celebrarase a cea da gala ás 21.30 horas.
