Comeza a segunda convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021

luns, 8 de marzo do 2021 Sandra Rivadulla

Román Rodríguez, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, presentou a segunda convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. O programa, que conta cun investimento de 3 millóns de euros, está impulsado pola Xunta (a través da Consellería de Cultura e Educación e da súa Secretaría Xeral de Política Lingüística) e encádrase no eixo do Plan de Reactivación Cultural. O obxectivo principal desta iniciativa é apoiar ao tecido cultural e inxectar liquidez nas empresas, ademais de configurar unha oferta en galego, ampla, plural e de calidade. Outro dos cometidos do fondo é encher as redes de contidos culturais e creativos na nosa lingua, unha liña de actividade que colleu novos folgos coa chegada da pandemia.
Así, o titular de Cultura sinalou que “isto continuará funcionando como un dos piares básicos da reactivación cultural” e explicou que “na primeira convocatoria programáronse a través deste fondo preto de 400 actuacións escénicas ou musicais”.
En xeral, o que se pretende é dar a posibilidade a profesionais e empresas galegas de traballar e producir os seus proxectos en condicións especiais sen ter que deixalos aparcados. Doutra banda, é preciso facilitar o acceso á cultura a toda a cidadanía, co fin de que poidan gozar das distintas expresións tanto en liña como de xeito presencial.
Cómpre mencionar que nesta nova convocatoria incrementarase o orzamento asignado, de tal forma que se investirán 500.000 euros máis ca outros anos. A súa vez, aumentará a axuda dos beneficiarios, pasando de 10.000€ a 15.000€ no caso de empresas, cooperativas e autónomos. Outra das novidades é a diminución nos prazos de presentación.
O prazo para participar na edición comezará o próximo luns e estará vixente un mes. Poderán participar todas as ramas do sector cultural, xa sexa con proxectos presenciais, virtuais, materiais ou coa combinación de varias opcións.

PUBLICIDADE