Comeza a segunda parte dos cursos do programa europeo Visit Minho Plus cun sobre IA, redes e SEO aplicados a turismo
martes, 17 de marzo do 2026
A segunda fase do programa educativo do proxecto Visit Minho Plus céntrase agora no márketing dixital. A formación, baixo o título SEO, redes sociais e IA aplicadas ao turismo, preséntase como un curso gratuíto en liña composto por cinco sesións prácticas en directo. As clases terán lugar os días 18 e 24 de marzo, así como o 6 e o 8 de abril, tras a Semana Santa.
O obxectivo do curso é reforzar a presenza dixital das empresas turísticas. Para iso, abordaranse cuestións como a mellora da visibilidade en buscadores mediante técnicas de SEO e o uso estratéxico das redes sociais. Ademais, incluiranse contidos sobre a creación de campañas publicitarias en plataformas como Google Ads, Meta Ads ou TikTok, así como a aplicación da intelixencia artificial na promoción turística e na atención ao cliente. Tamén se tratarán ferramentas de automatización, sistemas CRM e análise de datos orientados á toma de decisións.
Esta acción formativa forma parte do programa educativo de Visit Minho Plus, unha iniciativa que contempla seis cursos orientados á innovación e ao turismo sustentable. Entre as materias inclúense o deseño de experiencias turísticas innovadoras, a internacionalización de produtos locais, a sustentabilidade e, neste caso, o márketing dixital. No seu conxunto, o programa suma 105 horas de formación, organizadas en sesións de cinco horas.
O proxecto Visit Minho Plus conta cun financiamento do 75 % procedente de fondos europeos a través do programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021-2027. Este marco inclúe tamén outras iniciativas como a aceleradora transfronteiriza de proxectos turísticos innovadores Turislab, o clúster transfronteirizo de turismo na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal CLUSTERTUR_GNP e o programa GERÊS_XURÉS_MAIS_SUSTENTÁVEL, centrado na sostibilidade do sector. En total, mobilízanse 4,86 millóns de euros, dos que Turismo de Galicia achega 1,39 millóns.
