Comeza a súa andaina o proxecto Smart Camiño

luns, 21 de marzo do 2016 Redacción

A semana que vimos de deixar atrás o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou ante os medios a iniciativa Smart Camiño, unha achega tecnolóxico-turística destinada entre outras cousas a facilitar pola vía das TIC (e da maneira máis inmediata e accesíbel) todo o que podemos precisar (onde comer, onde durmir, que visitar) como viaxeiros que chegamos a terras galegas. Ou ben como galegas e galegos que queremos coñecer mellor a nosa terra, sendo os Camiños Xacobeos os eixes que artellarán a nosa andaina. En palabras do presidente, Smart Camiño “introducirá o Camiño na enciclopedia do futuro, a rede de redes”.
O titular da Xunta detallou que as actuacións de Smart Camiño diríxense por unha banda á extensión da rede Wi-Fi gratuíta ao 100% dos albergues, “un compromiso adquirido que será unha realidade nos vindeiros meses”, engadiu, salientando que a día de hoxe “o 84% da rede pública de albergues conta xa con rede sen fíos de balde”. Por outra banda, informou da posta en marcha dunha nova páxina web, caminodesantiago.gal, operativa dende xa, e dunha aplicación para o Camiño de Santiago, que estará dispoñíbel desde mediados de abril.
Feijóo tamén destacou o “papel fundamental” que desempeña o turismo na nosa economía e a boa marcha que esta actividade está a ter nos últimos anos, “supoñendo o 11,6% do nos produto interior bruto”. Tamén recordou que o Goberno galego impulsou o programa Smart Turismo 2015-2020, que conta cun investimento de 10 millóns de euros e que abrangue no seu seo a iniciativa Smart Camiño “que iniciou hoxe a súa andaina”.

PUBLICIDADE