Comeza a venderse o novo Sony Mylo

venres, 25 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

Sony actualiza o seu comunicador persoal Mylo, conformando unha alternativa de peso ó Nokia N810, pois se trata dun dispositivo de pequeno tamaño cunha pantalla táctil de 3,5 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, 1 Gb de almacenamento, conectividade Wi-Fi e un teclado deslizante retroiluminado QWERTY.
O dispositivo de Sony permite o uso de mensaxería instantánea (AIM, Google Talk ou Yahoo Messenger), de chamadas VoIP a través de Skype e de navegación web avanzada integrando tecnoloxía Adobe Flash Lite 3, o que permite o a visualización de servizos coma YouTube.
O novo Sony Mylo tamén soporta o uso de pequenas aplicacións coñecidas coma Widgets, integra unha cámara de 1,3 Mpíxeles, reproduce audio (MP3, ATRAC, WMA e AAC) e vídeo (MPEG-4). Os ficheiros se poden almacenar na memoria interna de 1 Gb ou en tarxetas Memory Stick Duo ou Memory Stick PRO Duo.
O interesante e elegante dispositivo mide 130,8 x 20,7 x 64,6 milímetros, pesa só 193 gramos e a súa batería lle aporta unha autonomía de ata 6 horas navegando pola Rede, 7 horas reproducindo vídeo ou 20 horas reproducindo música. Sae a venda o vindeiro día 28 a 299,99 dólares (204,49 euros), polo que resulta unha opción máis económica que outros produtos semellantes.

PUBLICIDADE