Comeza en Compostela a I Conferencia Universidade 2.0
xoves, 12 de maio do 2011

- A Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago, vista no espazo de Xornal Certo no Flickr
Este xoves 12 arranca na Universidade de Santiago, na Facultade de
Ciencias da Comunicación, un encontro destinado a avaliar polo miúdo as
posibilidades das novas tecnoloxías en fase de espallamento na ensinanza do
futuro. En definitiva, trátase de visualizar os camiños máis axeitados para
unha educación de meirande calidade. A primeira Conferencia Universidade
2.0, así se chama o evento, reunirá a diversos representantes do eido
universitario, editorial, informático e tecnolóxico-educativo procedentes de tódolos
recantos do territorio estatal. O evento, que se desenvolve baixo epígrafe Universidade 2.0, en busca da innovación
educativa, servirá para compartir experiencias e definir a aplicación das
novas tecnoloxías na formación superior.
A xuntanza dá comezo ás 9:15 horas nun acto que contará coa asistencia
do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, da
vicerreitora de Persoal Docente e Investigador da USC, Carmen Fernández
Morante, e dos vicerreitores de Economía e Planificación da Coruña, José M.
García Vázquez, e de Calidade da Universidade de Vigo, Mª Elena Sierra
Palmeiro.
Xa nun eido máis concreto, a xornada incorpora no se programa diversas
experiencias arredor de novos recursos educativo-dixitais, como por exemplo un
atril ou un encerado dixital interactivos. Complementando aos relatorios,
desenvolveranse mesas redondas que posibilitarán, en palabras da USC, “o debate e a análise de casos de éxito no eido da
educación e as TIC”.
Na organización desta iniciativa, pioneira no ámbito do ensino superior
galego, atópanse GaliciaTIC e as tres universidades galegas, amais da
Consellería de Educación. No desenvolvemento do programa, participarán
representantes de editoriais como Pearson, Springer, Elsevier, Meubook, Netex e
Netbiblo; empresas tecnolóxicas como Microsoft, Intel, Google, Oracle, Smart
Technologies e Crambo Visuales; así como centros de educación superior e
universidades.
Programa
Logo do acto inaugural, o profesor da Universidade Camilo José Cela
Alejandro Borges pronunciará a conferencia ‘Retos educativos no contexto
económico e social. A transformación da educación. Deseguido, César García,
socio fundador de Crambo e experto en solucións de integración audiovisual,
presentará un relatorio sobre a integración da tecnoloxía audiovisual na educación
superior.
Ás 10:30 comezará a primeira mesa redonda da xornada, estando
dedicada a reflexionar sobre contidos dixitais para a educación e a formación,
na que os temas a tratar serán a creación, etiquetado e catalogación;
estandarización dos procesos; distribución; o e-learning como tendencia
imparable; e experiencias dos usuarios. A partir das 12:30 horas, será a quenda
dunha segunda mesa redonda que se desenvolverá baixo o lema ‘Centros, sistemas
e plataformas educativas en liña. Adaptación ao novo espazo escenario do EEES’.
Completando a sesión matinal, o responsable comercial de Produtos
Enterprise 2.0 de Oracle España, Manuel Melle, presentará unha conferencia na
que analiza os retos e vantaxes de construír unha plataforma social
universitaria.
Pola tarde, a partir das 15:30 horas, o director de estratexia de
Plataforma de Microsoft Ibérica, Luis Miguel García de la Oliva, abrirá a
quenda de intervencións falando sobre ‘Cloud Computing en educación’.
Continuará o programa coa mesa redonda ‘Innovación e creatividade na educación.
O material cultural, bibliotecas, dereitos de autor’, na que se inclúe a
presentación dunha experiencia desenvolvida na Universidade Rovira i Virgili
arredor da pizarra dixital.
A xornada rematará coa celebración de tres obradoiros simultáneos
sobre Innovación e tecnoloxía colaborativa na Universidade; A integración de
elementos audiovisuais en contornos de ensino; e sobre Uso da plataforma Moodle
para a Alfabetización en Biblioteca.
