Comezan os encontros online da Deputación para relanzar o turismo lugués na desescalada

luns, 8 de xuño do 2020 S. P.

Este luns 8 de xuño, a Deputación de Lugo vai afondar nas “claves para reactivar o turismo na provincia” agora que xa se asenta, coas súas limitacións, o regreso da actividade do sector. Farao a través do primeiro dos encontros online que programa a entidade provincial co sector. A apertura do foro virtual, o primeiro do ciclo Abrindo as portas: o rexurdir do turismo (En Lugo, Si), virá da man do xefe de área de Turismo Sostible da Secretaría de Estado de Turismo, Ricardo Blanco Portillo, e a deputada de Turismo, Pilar García Porto. A xornada comeza este luns ás 11.00 horas, cunha sesión sobre sustentabilidade e confianza como elementos fundamentais para fortalecer Lugo como destino.
Retransmitirase de balde, coa participación aberta a todo o público, a través da canle en Youtube do Servizo de Audiovisuais da Deputación. Nesta canle o público poderá formular preguntas e comentarios. As persoas interesadas en participar poden escribir un correo electrónico á conta turismo@deputacionlugo.org para recibir indicacións directas do acceso.
Xornadas Abrindo as portas: o rexurdir do turismo
Os encontros de turismo online da institución provincial terán continuidade noutras catro sesións máis os días 10, 11, 15 e 17 de xuño co obxectivo de converterse nun “espazo de intercambio de información, análise e debate de opinións e tamén de escoita das necesidades do sector e das súas perspectivas sobre a reactivación turística da provincia”. Con esta iniciativa, a Deputación pretende facilitar a adaptación con garantías a todo o que esixe a nova normalidade na actividade hostaleira e turística e compartir a visión dos retos e oportunidades que ofrece o novo escenario para o sector.
Nestes foros virtuais do turismo reuniranse representantes dunha vintena de asociacións de profesionais e de empresas, da sociedade civil, de entidades que traballan polo desenvolvemento do sector e de organismos oficiais con competencias no turismo.
As xornadas Abrindo as portas: o rexurdir do turismo son unha das accións da campaña En Lugo, Si, que promove a institución provincial para impulsar o tecido económico na desescalada. Pretenden “contribuír a incorporar ferramentas e dinámicas que sirvan para reforzar os valores e fortalezas da provincia de Lugo como destino turístico e para afrontar con garantías a chegada de visitantes neste verán”.
Participantes nos encontros de turismo online
Todos os foros de turismo online comezarán ás 11:00 horas e contarán coa participación da Deputada de Turismo, Pilar García Porto. O mércores 10 de xuño, no diálogo con representantes de colectivos empresariais intervirán as asociacións galegas de Albergues Privados -AGALBER-, de Axencias de Viaxes – AGAVI-, de Empresas de Turismo Activo e de Natureza – AGETAN-, xunto ás asociacións provinciais de Empresarios de Hostalería de Lugo –APEHL-, e de Guías de Turismo de Galicia -APIT GALICIA-.
O xoves 11 de xuño, no diálogo con representantes de institucións, entes de xestión e promoción e sociedade civil intervirán a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela Paz, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, Francisco Cajoto, a delegada da S.A. do Plan Xacobeo e Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, o presidente da Federación Veciñal Lucus Augusti, Jesús Vázquez Varela, e o presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel López Vázquez.
O luns 15 de xuño, noutro diálogo con colectivos empresariais participarán representantes da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia -AVITURGA-, Asociación de Balnearios de Galicia, Federación Galega de Comercio, Federación Galega de Turismo Rural e Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia -PROTURGA-.
O mércores 17 de xuño, no debate Traballando por unha hostalería segura intervirán representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo -APEHL-, Hostelería de España e da Horeca Data e Proyecto Hostelería Segura.