Compostela Monumental adhírese á plataforma estatal Comercio Conectado

venres, 23 de febreiro do 2024 S. P.

Jose Manuel Bello Rey, presidente de Compostela Monumental e da Confederación Española de Centros históricos (COCAHI), asistiu na sede do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa ao acto de presentación oficial da plataforma Comercio Conectado, impulsada pola Secretaría de Estado de Comercio do Goberno, da que forma parte xa, segundo confirmou, a patronal do centro histórico de Santiago.
Bello Rey, acompañado por varios membros da xunta directiva da Confederación, aproveitou este evento para manter unha reunión coa Dirección Xeral de Comercio Interior e tratar co seu máximo responsábel Juan Francisco Martínez García, distintos temas de interese para o comercio situado nos centros históricos de España.
“Levamos catro anos traballando conxuntamente coa Dirección Xeral de Comercio Interior para tentar mellorar a situación cotiá do comercio tradicional, recibindo apoio para distintas accións de promoción e difusión do papel que desenvolve o comercio tradicional”, destacou Jose Manuel Bello Rey, ao mesmo que tempo que convidou a todos os comerciantes de España “a formar parte desta nova plataforma e dárense de alto na mesma de forma totalmente gratuíta”. E engadiu: “Só teñen que activar a súa presenza na web www.comercioconectado.gob.es e poderán beneficiarse de diversas noticias de interese para o sector, formación en liña, subvencións…etc, considero que é moi importante para todos nós”.
Ademais desta plataforma, Compostela Monumental e COCAHI mostraron a súa aposta polo Marketplace de Correos e a súa nova aplicación de fidelización de clientes coa empresa MyFullTrip.
A presentación de Comercio Conectado
A secretaria de Estado de Comercio, Xiana Méndez, presentou o pasado venres 16 de febreiro a Plataforma Comercio Conectado, unha iniciativa innovadora que crea un espazo pensado para servir de punto de encontro ao comercio polo miúdo cun dobre obxectivo: impulsar a súa dixitalización e fortalecer a súa competitividade empresarial, a través de servizos de información e formación en apoio ás pequenas e medianas empresas (pemes) e ao comercio retallista.
A plataforma ofrece formación, comunidades e recursos para impulsar a transformación dixital do comercio polo miúdo, que constitúe preto do 5% do PIB da economía española, con máis de 1,9 millóns de afiliados á Seguridade Social.
Tamén pretende crear unha rede nacional que aglutine a todas as entidades, administracións e particulares vinculados ao comercio polo miúdo. Será, en palabras do Goberno “un espazo de colaboración para o sector comercial español que potencie a súa competitividade e a mellora dos seus procesos”.

PUBLICIDADE