Compostela acolle por primeira vez unha xuntanza de GeoTLDs

xoves, 12 de setembro do 2019 Redacción

Os dominios culturais, lingüísticos e xeográficos manteñen, por primeira vez, unha das súas xuntanzas en Santiago de Compostela. O encontro, organizado pola Asociación PuntoGal desenvólvese entre hoxe e mañá no Centro Social Abanca.
Os dominios, agrupados na organización GeoTLDs, da que forma parte PuntoGal, dedicarán as sesións de traballo a afondar en temas relacionados coa gobernanza da rede, protección de datos, marketing e outras cuestións técnicas e organizativas. No marco das actividades deste encontro, haberá unha recepción oficial no Concello de Santiago para os participantes.
Trátase da primeira vez que Santiago de Compostela acolle a xuntanza desta organización, da que PuntoGal forma parte dende o ano 2017. O grupo dos GeoTLDs é unha organización internacional sen ánimo de grupo que representa os intereses dos dominios de primeiro nivel que identifican a unha cidade, rexión, lingua ou cultura. Entre outros moitos, forman parte da entidade .berlin, .scott, .paris, .eus , .alsace, .cat, .bzh ou .madrid.
PuntoGal aproveita a xuntanza, ademais, para manter reunións sectoriais con representantes de distintos dominios para poñer en común experiencias e preparar outras actividades para os vindeiros meses.

Novas liñas de colaboración coa Xunta

Na apertura do encontro, a directora da Área de Sociedade Dixital da AMTEGA, Rosa Méndez, asegurou que a Xunta de Galicia analizará novas liñas de colaboración coa Asociación PuntoGal, recalcando o compromiso da Administración autonómica co dominio galego na Rede e a intención de seguir colaborando para consolidar a presenza do .gal na Internet.

PUBLICIDADE