Compostela presenta a súa ferramenta web para unha mellora na eficiencia enerxética dos seus barrios
luns, 18 de xullo do 2016
Acadar unha
meirande eficiencia enerxética dos edificios e barrios europeos,
grazas ao uso de novas tecnoloxías, é o que se propón o proxecto
FASUDIR, no cal participa a cidade de Compostela xunto a 11 socios
máis de cinco países: España, Italia, Gran Bretaña, Hungría e
Alemaña. Nesta idea, que botaba a andar en 2013 e conclúe a finais
deste ano, participan tres socios por parte de España, entre eles o
Consorcio de Santiago e a cidade compostelá, a cal intervén como
caso de estudo, xunto con barrios de Francfurt e Budapest. Neste
contexto Compostela vén de presentar na sede do Consorcio unha
ferramenta web perante os axentes encargados de tomar decisións no
eido na eficiencia enerxética.
Estamos a
falar de responsables políticos, colectivos vinculados ao eido da
construción, alén dos propietarios ou usuarios de edificios e
vivendas. Na presentación participaron representantes do Concello de
Santiago, a Universidade de Santiago, o Instituto Tecnolóxico de
Galicia e o Instituto Galego da Vivenda e Solo; ademais de usuarios
finais como os colectivos de arquitectos, arquitectos técnicos,
enxeñeiros industriais ou administradores de fincas.
Indo á
ferramenta web en cuestión, esta permite escoller a estratexia de
rehabilitación máis axeitada en cada situación dende o punto de
vista enerxético, ambiental e socioeconómico. Con esta achega
poderase coñecer cal é a situación concreta dun determinado barrio
dende a perspectiva enerxética. A ferramenta achega información
sobre as características de cada un, cales teñen máis capacidade
para producir enerxías renovables e cales presentan problemas, etc,
co fin de tomar as medidas oportunas para que propietarios e
inquilinos poidan reducir o seu consumo.
En palabras
da arquitecta do Consorcio que coordina este proxecto, Idoia
Camiruaga: “a finalidade é acadar a mellora da eficiencia
enerxética e a redución dos gases de efecto invernadoiro non só
nas vivendas e edificios de xeito particular, senón tamén a escala
de barrio ou distrito. Trátase de optimizar as condicións
enerxéticas das vivendas para diminuír o consumo enerxético en
xeral e, en consecuencia, conseguir un aforro económico e, ao mesmo
tempo, menor impacto ambiental”.
Cómpre
salientar que as primeiras probas na cidade de Santiago levaranse a
cabo nunha área da cidade histórica que abrangue os barrios do
Castiñeiro, Pelamios e Vista Alegre; cunha gran variedade de usos,
diferentes tipos de vivendas e edificios e moito espazo verde.
