Comunica en Galego reivindica a importancia de seguir enchendo as redes de contidos na nosa lingua

venres, 24 de outubro do 2025 S. P.

O Campus de Pontevedra acolleu esta semana o desenvolvemento da xornada Comunica en Galego, que cada ano achega á Facultade de Comunicación diferentes creadores e creadoras de contido co propósito de que o alumnado poida coñecer un conxunto de iniciativas que “demostran o potencial do galego como lingua de creación, información e innovación”.
Este xoves 23 de outubro, esta iniciativa sumou unha nova edición pondo o foco no uso do idioma en contidos de carácter político e reivindicativo, contando coa participación do humorista Denny Horror, da xornalista Patri Otero, da voceira do BNG en Silleda, Erea Castro, e o divulgador David Gesteira.
“Estas xornadas naceron coa idea de dar a coñecer creadores de contido en galego”, de amosar ao alumnado “que cosa nosa lingua pódense facer todo tipo de contidos”, salientou o profesor Xosé Baamonde na apertura deste evento, inserido á súa vez nunha iniciativa que abrangue tamén “a realización por parte do alumnado de campañas de promoción do uso do galego en diversos ámbitos”, no segundo cuadrimestre.
Xunto a Baamonde, a inauguración contou coas intervencións da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e da decana da facultade, Emma Torres, que subliñaron o labor que as e os profesionais que se forman neste centro poden xogar na difusión do idioma. “Tedes un papel fundamental como comunicadores, o de facer que a nosa sociedade se comprometa co galego”, salientou Lantarón, quen lembrou que a UVigo “ten tres piares fundamentais”, tratar de conseguir “unha sociedade máis igualitaria” e ser “unha universidade con maior internacionalización e unha universidade cada vez máis galega”. 
Recoñecida pola Universidade co distintivo de galeguización Gal Ego, “a reivindicación da lingua e a cultura galega” é unha cuestión “fundamental” para a Facultade de Comunicación, subliñou a súa decana, que recalcou o valor de actividades “que reivindiquen que en galego podemos facer absolutamente todo”. Nese senso, Torres recalcou a “responsabilidade” da facultade á hora de “crear contido en galego”, nunha xornada clausurada pola vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda. 
Impulsor en 2020 do podcast Descifrando a historia, David Gesteira abriu a xornada trazando un percorrido pola traxectoria deste proxecto, centrado na historia de Galicia e co que buscou tamén “romper cos estereotipos” asociados ao país. “Non tería sentido facer un proxecto de divulgación da historia de Galicia noutra lingua”, subliñou este divulgador, quen recalcou que o uso do galego pode supor un “factor diferencial á hora de destacar na rede”. 
A continuación, a voceira do BNG en Silleda achegou a súa experiencia de traballo coas redes sociais no ámbito da política local “e todo o que implicaron para axudarnos no noso traballo político”, empregando o galego como “unha maneira de presentar o que defendes”. Tras Castro, a xornalista Patri Otero presentou ao alumnado o seu traballo como creadora de contidos, nomeadamente “de reivindicación e denuncia”. Neste punto, ademais de incidir en que o galego “é un idioma válido como calquera outro, que pode empregarse en ámbitos moi diversos”, defendeu “que as redes son moito máis que entretemento”, de tal xeito, que poden empregarse tamén “para denunciar cuestións sociais, políticas e de calquera ámbito”. 
Por último, a abordaxe da política desde o humor foi o eixe do relatorio do guionista e cómico Denis López Horro (Denny Horror), quen abordou a experiencia de Non saímos do lixo, “un colectivo que facemos sketches de humor co que arrancamos hai 15 anos”. Esta traxectoria, sumada ao seu traballo como guionista para diferentes programas, levárono a afondar en como as redes sociais mudaron neste tempo o xeito de difundir contidos de humor político, mais tamén en como nestes anos “a censura foi medrando” respecto da “posibilidade de expresarte politicamente a través do humor”. Neste punto, sinalou “á chegada da ultradereita” como un “momento de cambio” que converteu o humor nun “campo de batalla”. Este humorista abordou tamén na súa experiencia como creador de contidos tanto en galego como en castelán, para pór de relevo en que “ás veces pensamos en que hai que facer as cousas en español para medrar e non é o caso”.