“Con este ciclo tendemos máis pontes de colaboración entre a comunidade universitaria e a empresarial” (Ignacio Armesto)
xoves, 30 de novembro do 2006Falamos con Ignacio Armesto, coordinador das xornadas sobre enxeñería e automatización industrial que se desenvolven na Universidade de Vigo
- Para Ignacio Armesto, hai determinados baleiros de diálogo entre o profesorado e as empresas que en países máis avanzados como Alemaña non se dan
O eido universitario entendido como unha comunidade e a rede empresarial galega son en ocasións coma dous casas distintas nun mesmo barrio onde os veciños raramente van alén de darse un saúdo de cortesía. Esta situación, por desgraza, é como unha rede de comunicacións que non se dá reparado. Amañala na medida do posible, sobre todo no eido da enxeñería e da automatización industrial, é o gran obxectivo do ciclo CCAI que se organiza na Universidade de Vigo. Nós falamos con Ignacio Armesto, coordinador destas actividades que cubriran practicamente todo o ano académico.
-Que significa CCAI´0607?
-CCAI corresponde á abreviatura en castelán de Ciclo de Conferencias sobre Automatización e Enxeñería, ciclo que se celebrará entre os meses de outubro de 2006 e abril de 2007 no salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo.
-Como xurdiu a idea de organizalo?
-A idea de organizar este ciclo xorde dende a dirección desta escola, que cumpre en 2006 o 30º aniversario da carreira, co propósito de realizar unha actividade educativa complementaria á formación regrada na que os principais protagonistas sexan, por unha banda, técnicos do eido da enxeñería de procesos industriais nas súas diferentes manifestacións e, pola outra, profesionais do mundo da enxeñería de Galicia, moitos deles formados nas escolas de enxeñería das nosas universidades.
-Cales son as necesidades ás que responde?
-Pois, dende o punto de vista da comunidade universitaria, o ciclo vai orientado á cubri-la demanda de actividades formativas complementarias e innovadoras (e convalidables por créditos de libre elección) que poñan ós alumnos de derradeiro curso en contacto co profesional do eido empresarial. E dende o punto de vista de estoutro eido, trata de atender á demanda de creación de foros de interese común que poidan axudar a reducir o afastamento que hai entre a comunidade universitaria (a tódolos niveis) e a empresa. Polo tanto, trátase de achegar pontes que permitan coñecer os diferentes niveis de aplicación da enxeñería en diversos sectores e empresas e até o perfil tecnolóxico e humano requirido por aquelas para a súa dotación de recursos humanos a nivel enxeñería.
-En que detalles concretos maniféstase este afastamento?
-Un exemplo: os alumnos dunha boa parte das enxeñerías deben afrontar a execución dun proxecto fin de carreira, esforzo que moitas veces non se dirixe a resolver problemas reais de empresas do noso espazo só polo baleiro de relacións persoais entre o profesorado universitario e as devanditas empresas. Este tipo de relacións de colaboración é habitual en países máis avanzados (como en Alemaña, por exemplo) porque se fomentan e se apoian. A creación de escenarios de encontro universidade e empresa, como CCAI´0607, cremos que é positiva neste senso.
-Antes fixo vostede referencia ó termo “innovador” para cualificar este ciclo de conferencias, a que se refire?
-Refírome a que este tipo de ciclos non se dan a cotío nas carreiras tecnolóxicas das universidades e, porén, considerámolos moi importantes polas razóns que citei antes. A innovación en CCAI´0607 provén do enfoque de organizar un ciclo no que tanto os relatores como os asistentes poidan ser de ámbolos mundos, investigador e empresarial. Deste xeito, dende o punto de vista das corporacións fabricantes, supón unha oportunidade de achegamento conxunto ós dous sectores de interese para eles, que por costume abordan de maneira independente. Amais, achégalles ás empresas do noso arredor a posibilidade de coñece-las solucións máis innovadoras dos diferentes fabricantes, de xeito conxunto e nun mesmo evento. E, finalmente, para a comunidade formativa supón unha oportunidade orixinal de interacción co eido profesional e a posta ó día dos seus coñecementos, das liñas de investigación e novidades no ámbito da enxeñería aplicada ás empresas máis avanzadas.
-De que xeitos “innovadores” poderemos achegarnos ás xornadas?
-Pois esta vai ser a primeira ocasión na que todo o programa de conferencias do ciclo, incluíndo o protocolario acto de apertura, vai ser emitido en directo e almacenado para o seu posterior visionado á carta pola televisión universitaria e por Internet da Universidade de Vigo, Uvigo-TV, accesible dende o enderezo http://uvigo.tv/. Grazas a este recurso tecnolóxico innovador, o devandito ciclo non só poderá ser seguido en vivo e en directo dende o salón de actos da ETSII de Vigo, senón que poderá facerse de xeito virtual dende calquera lugar do mundo no que se dispoña dun computador (co software axeitado) e conexión a Internet (cunha certa amplitude de banda).
-As xornadas poderán entón creba-las limitacións dos espazos físicos…
-De feito, agárdase que as conferencias deste evento sexan proxectas en directo nos salóns de actos de diversas escolas de enxeñería de todo o mundo, pois a día de hoxe xa teñen amosado interese diversas universidades de Portugal (no marco do programa FCEER) e Latinoamérica, entre as que cómpre salientar o Tecnolóxico de Monterrei, unha das universidades privadas máis importantes de México.
-Como valora a súa acollida nos diferentes sectores ós que fai referencia?
-En termos xerais, podería dicirse que a acollida desta clase de ciclos de conferencias está a ser satisfactoria. En anteriores eventos celebrados na ETSII, o número de alumnos universitarios inscritos nos mesmos (de balde) ten superado con moito a centea de estudantes, dos que un 60% foron asistentes cotiáns e obtiveron a convalidación por créditos de libre elección que os seus centros ofrecían a aqueles que acudiran regularmente ó programa ofertado, arredor dunha taxa de asistencia do 80%.
-Mais agora o eido de acción espállase, verdade?
-Si, este ano o ciclo de conferencias ofrécese non só á comunidade universitaria das enxeñerías do Campus de Vigo, senón tamén a outros centros desta e doutras universidades do Estado (incluíndo as galegas) e até á comunidade de Formación Profesional do noso ámbito, todo elo grazas á colaboración xa comentada de Uvigo-TV.
-Fálenos por favor dos participantes no programa de relatorios.
-Para este ciclo, que se organiza de xeito especial con motivo do 30 aniversario da carreira de Enxeñería Industrial en Vigo, contamos coa participación de técnicos de empresas multinacionais fabricantes de solucións no mundo da enxeñería en xeral e da automatización e a robótica industrial en particular, profesionais de empresas produtivas (en sectores como aeronáutica, automatización, naval, aluminio, elevación, etc), diversas enxeñerías e integradores de solucións TIC en xeral, grupos de investigación e centros tecnolóxicos punteiros a nivel galego e portugués dedicados a actividades de Investigación e Desenvolvemento en sectores estratéxicos, a axencia da enerxía e a cidade tecnolóxica de Vigo e a dirección do Instituto Galego de Promoción Económica.
-Quen estará na clausura?
-Para a fin de actividades deste ano podemos dicir que estamos xa a organizar unha mesa redonda formada por altos directivos españois de empresas multinacionais de renome no eido da automatización industrial, e para a que se contará, entre outras personalidades, co managing director da asociación internacional de estandarización PLCopen, Eelco van der Wal, e coa coordinadora do consello de redacción da revista Automatización e Instrumentación, Laura Tremosa.
-Observando a publicidade que nos fixo vostede chegar, chama a atención o gran número de apoios cos que conta CCAI…
- As xornadas espertan moito interese entre a comunidade universitaria, polo que teñen de preparación para o mercado laboral
-Ben, o certo é que a Escola de Enxeñeiros Industriais non ten queixa algunha neste senso. Pero cremos sinceramente que a razón do devandito apoio é sobre todo a orixinalidade, a honestidade e a claridade dos seus argumentos. O principal motor de CCAI’0607 é, dende o apartado dedicado á automatización industrial, a escolma de empresas multinacionais que participan como relatoras este ano: ABB, Beckhoff, Fanuc Robotics, Festo, Microsoft, National Instruments, Phoenix Contact, Rexroth (Grupo Bosch), Rockwell Automation, Schneider Electric, Siemens e WonderWare. E, dende o apartado xeral dedicado á enxeñería, debemos facer mención de empresas e centros tecnolóxicos como AIMEN, Airbus, Alcoa, ANFACO CECOPESCA, Asm-Soft, CTAG, Emenasa, Ence, Enor, GKN Driveline, Ictel Ingenieros, Imatia, Infaimon, Ingenia Sistemas, PSA Peugeot Citröen e Ros Roca. Son todos eles os que realmente fan viable este ciclo e ós que debemos agradecer que comprenderan dende un primeiro intre o seu propósito. E, por suposto non podemos esquecer o importante labor da Universidade de Vigo, a súa Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais e o seu Departamento de Enxeñería de Sistemas e Automática, no que me atopo adscrito como docente; principais entidade promotoras do ciclo. E tamén contamos co patrocinio da Xunta, a propia Universidade de Vigo, Caixanova, Eleko Galicia, Ielec, Avanzas, Fundación Pedro Barrié de la Maza e a FCEER (Fundación Centro de Estudos Eurorexionais Galiza – Norte de Portugal).
Ademais, no apartado de relatores de centros formativos e investigadores as xornadas contan coas Universidades Nova de Lisboa, A Coruña (UDC), Santiago (USC), Valladolid e Vigo, ademais da Escola de Negocios Caixanova. E tamén contaremos con empresas e centros de enxeñería como Inditex, Peguform, Navantia, DPCYG, GTG Ingenieros, CITEXVI, Faimevi (Fundación Agencia Intermunicipal de la Energía de Vigo) e IGAPE.
-Chegamos ó final da entrevista, e non podemos pechala sen que nos diga cando se celebra este ciclo.
-Claro, mais cómpre sinalar que o ciclo conta cun programa de máis de 40 relatorios e unha mesa redonda e desenvólvese entre outubro de 2006 e abril de 2007. Polo tanto, non hai unha data precisa senón moitas. Para que a persoa interesada non se perda, sería positivo que tivese en conta que toda a información ó respecto está dispoñible no pequeno portal web que desenvolvemos para a ocasión: http://ccai.uvigo.es/. Tamén é importante tomar nota do enderezo de Uvigo-TV: http://uvigo.tv. O ciclo vaise desenvolver no salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo, no Campus Universitario de Vigo e virtualmente (en directo) dende unha das canles de retransmisión de Uvigo-TV.
A automatización e a enxeñería industrial, a debate na Universidade de Vigo en máis de 40 relatorios
A innovación, o desenvolvemento, a enxeñería e os procesos de automatización no eido industrial son conceptos sen os que apenas se concibe xa a supervivencia das empresas. Ademais, ter coñecementos sólidos sobre esas materias fortalecen as posibilidades dos mozos e mozas para abrise camiño no mercado laboral. Esta dobre importancia das máis innovadoras tecnoloxías é a razón de ser do CCAI.0607 (Ciclo de Conferencias sobre Automatización e Enxeñería, Curso 2006-2007) que se inaugurou o pasado xoves 5 de outubro ás 12.00 horas na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais da Universidade de Vigo (organizadora destes encontros). O Ciclo, que se estenderá en actividades até finais do vindeiro mes de abril, inclúe este ano máis de 40 relatorios, que serán impartidos por técnicos responsables de produto de empresas multinacionais fabricantes de solucións industriais e líderes en I+D. Entre os relatores, atópanse representantes de empresas e institucións de gran prestixio internacional, como por exemplo Siemens, Rexroth (Grupo Bosch), Schneider, National Instruments, Airbus, Beckhoff, PSA Peugeot Citröen, Rockwell Automation, Microsoft, Wonderware ou Navantia. O gran obxectivo destes encontros é, tal e como indica a organización, “que os asistentes, xa sexan alumnos ou docentes de Galicia, Norte de Portugal, España ou Iberoamérica coñezan de primeira man as tecnoloxías, solucións e tendencias máis modernas no eido da automatización e a enxeñería de procesos industriais”. Amais que de xeito presencial, o Ciclo poderase seguir en directo no Canal 1 nos salóns de acto dos centros docentes que previamente o soliciten e tamén a través do servidor principal da UVIGO-TV. O programa de actividades tamén contará coa participación de organizacións, institucións educativas e centros tecnolóxicos do noso ámbito. Cómpre subliñar que no acto de apertura participaron Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo; Corina Porro, alcaldesa da cidade; Salustiano Mato, director xeral de I+D; Antonio Vázquez, director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais; José María Arias Mosquera, vicepresidente da Fundación Pedro Barrié de la Maza e Luis González, director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo.