Concedida a oficialidade á xunta directiva provisional de Ineo

venres, 6 de outubro do 2006 Redacción

Ineo, a asociación galega de novas tecnoloxías da información xa ten nova xunta directiva. Dáse a casualidade que os seus membros son os mesmos que constituíron a xunta provisional o pasado 16 de febreiro, e que foron ratificados nos seus cargos polos asociados na votación celebrada o xoves 5 de outubro en asemblea extraordinaria. A xunta queda así integrada por Jorge Cebreiros, de Infojc; Rafael Valcarce (a única incorporación realmente nova), de Arteixo Telecom; Manuel Martínez, de Cai Sistemas Informáticos; Enrique Barros, de Saec Data; Carlos Pomar, de Departamento Gallego de Informática; Javier Regueira, de Lambda e César Blanco, de Academia Postal. Cómpre sinalar que Jorge Cebreiros, con corenta e cinco sufraxios, Rafael Valcarce, con trinta e tres, e Manuel Martínez, con trinta e un, foron os tres candidatos máis votados. En total emitíronse cincuenta e dúas papeletas, sen que ningunha delas resultase anulada.
Como dixemos, Rafael Valcarce, de Arteixo Telecom, é a única incorporación nova con respecto á xunta directiva provisoria que o pasado 16 de febreiro tomou as rendas de Ineo para a posta en marcha do proxecto. Este pasado xoves, os cincuenta e dous asociados que depositaron o seu voto concedéronlle oficialidade ó devandito equipo, aprobando deste xeito a xestión realizada durante estes seis primeiros meses de traballo, nos que segundo os socios cumpríronse moitas das accións formuladas no plan estratéxico de lanzamento de Ineo, en canto a número de asociados, facturación, ingresos, e integración da entidade en tódolos sectores que participan no sector das novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación.
A xunta directiva acabada de elixir nomeará nos vindeiros días ó novo presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro e voceiros de Ineo, asumirá o cumprimento dos obxectivos estratéxicos da asociación en tres liñas de traballo fundamentais: a proporción de servizos para os asociados, mediante a captación de proxectos, recursos e á organización de xornadas de traballo e sesións informativas, a integración de todos os axentes implicados na Sociedade da Información e do Coñecemento, incrementando os seus contactos coas administracións, as empresas, a universidade, e outras asociacións TIC, e a aproximación do proxecto a sociedade en xeral.

Director xeral
Xunta directiva provisoria de INEOA nova xunta será a encargada tamén de nomear ó director xeral de Ineo, que desenvolverá as funcións de planificación, organización e control da entidade en colaboración co comité de dirección estratéxica. A persoa elixida, que deberá posuír un perfil altamente cualificado, dedicarase exclusivamente á entidade e non terá ningún tipo de vínculo coas empresas asociadas para garantir a súa total independencia e o seu traballo eficaz en prol de todos os socios de Ineo. Este director xeral encargarase, ademais, de coordinar ós responsables dos distintos proxectos, de establecer nexos e ligazóns cos principais axentes da sociedade das Tecnoloxías da Información e da Comunicación, e de elaborar a planificación operativa anual da entidade. A anterior xunta en funcións, debido a súa provisionalidade asumiu entre os seus membros algunhas das funcións do director xeral, e renunciou ó seu nomeamento para non condicionar nin interferir a toma de decisións da xunta entrante, que a partir deste momento será a encargada de tomar as decisións estratéxicas da entidade.

Asemblea ordinaria
Previamente á celebración da asemblea extraordinaria para a elección da nova xunta directiva, Ineo celebrou unha asemblea ordinaria na que a xunta saínte fixo un balance dos seus primeiros seis meses de xestión, nos que se superou a expectativa de número de socios para o primeiro ano, conseguindo incorporar, ademais, a empresas de recente creación, o que tamén asenta un dos principios cos que naceu Ineo, fortalecer e contribuír o crecemento do sector TIC galego. Igualmente, superáronse as expectativas en facturación e ingresos, e foron constantes as reunións mantidas coa administración, o tecido empresarial e a universidade, os tres axentes máis importantes para dinamizar o sector das novas tecnoloxías.
Actualmente Ineo está integrada por 65 empresas das catro provincias galegas dedicadas ó software a medida, software estándar, equipos informáticos, consultoría TIC, formación TIC, comunicacións e redes, servizos informáticos, electrónica, proceso de datos e asesoramento xurídico de TIC, que facturan en total máis de 106 millóns de euros que dan traballo a mil novecentas persoas.