Condenan aos responsables dunha versión pirata de Windows XP

venres, 21 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Hong Lei, o responsable do desenvolvemento e distribución dunha versión pirata de Windows XP alcumada Tomato Garden, terá que facer fronte a unha condena de 3 anos e medio de cadea e a pagar unha multa dun millón de iuáns (uns 102.000 euros). Un dos seus cómplices foi condenado tamén con 3 anos e medio de cadea, mentres que outros 2 compañeiros deberán pasar 2 anos no cárcere cada un.
Estes cidadáns chineses foron atopados culpables de infrinxir os dereitos de reprodución do Windows XP, calculándose que dende a creación do Windows XP Tomato Garden máis de 10 millóns de persoas descargaron esta versión pirata do Windows, da que non acadaron beneficios directos (aínda que cobraban uns 100.000 iuans ao mes grazas á publicidade da páxina web dende a que distribuían o programa).
Estas sentenzas danse a coñecer internacionalmente para que quede constancia que en China tamén toman medidas para combater a piratería e os dereitos de autor.

PUBLICIDADE