Confirman as medidas cautelares contra SeriesPepito e PelículasPepito
xoves, 4 de decembro do 2014
A operación policial
contra as páxinas web SeriesPepito e PelículasPepito continúa a estar de
actualidade, pois a Policía Nacional confirmou que arrestara en Madrid e
Alicante aos dous administradores de cadansúa páxina web, asegurando en nota de
prensa que terían xerado
uns beneficios estimados de 1.085.000 euros. Tamén confirman que o peche
das páxinas web denunciadas foi por mandamento xudicial que partiu dunha
denuncia presentada polas principais produtoras cinematográfica por un delito contra
a propiedade intelectual por realizar ambas páxinas “un acto de comunicación pública”
de contido audiovisual protexido, aínda que tal afirmación choque coa
interpretación deste concepto que fan as autoridades comunitarias, que non
consideran que as ligazóns sexan “comunicación pública”.
A Policía asegura que as páxinas web pechadas obtiñan beneficios mediante
publicidade e contas de usuario premium,
aínda que polo
momento só se puideron acreditar ingresos por publicidade nos últimos 3 anos
por valor de 133.650 euros.
O avogado Carlos Sánchez Almeida asegura que a defensa destes casos seguirá a
liña de procedementos anteriores, nos que se defende que a actividade
denunciada non supón un acto de “comunicación pública”, asegurando que esta
operación policial non resulta sorprendente pois “cada mes de decembro sempre
hai unha operación espectacular” para causar impacto mediático, que poucas
veces se traduce en condenas. Tamén lembran que o peche das páxinas denunciadas
só é unha medida cautelar.
