Confírmase a orde de cesamento de actividade de Uber no territorio español

venres, 26 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Continúan as informacións relativas ao posible cese de actividade do servizo Uber en España, e tras a prohibición cautelar da actividade de Uber no territorio español ordenada polo xuíz do Mercantil nº 2 de Madrid, a orde concrétase coa petición de peche “con carácter inmediato” da páxina web de Uber mediante a suspensión da transmisión, o aloxamento dos datos, o acceso a redes de telecomunicacións e/ou a prestación de calquera outro servizo equivalente á intermediación en relación con esta compañía.
Estamos ante a prohibición dunha aplicación móbil, o que pode resultar bastante rechamante, e que polo momento non involucra ás tendas de aplicacións móbiles, onde Uber segue presente, xa que as ordes do xuíz teñen como destino aos prestadores de servizos de información recoñecidos no Rexistro de Operadores da CMT (actualmente CNMC).
As autoridades xudiciais consideraron razoable acordar as medidas cautelares solicitadas pola Asociación Madrileña do Taxi ante a constatación de que os condutores contratados a través de Uber carecen de autorización administrativa algunha para desenvolver a actividade que entenden como competencia desleal.
ACTUALIZACIÓN: Pese a que estase a anunciar o inicio das medidas cautelares contra Uber, non parece que estean a ser realmente efectivas, e o bloqueo estaría a limitarse unicamente ao operador Telefónica, e só afectaría aos usuarios de iOS, xa que os usuarios da aplicación para Android que a actualicen poden seguir empregando o servizo con normalidade, así como calquera usuario que configure os servidores de DNS de Telefónica por outros alternativas (como os de Google ou os de OpenDNS), caso no que Uber funcionaría sen problemas dende calquera operadora. Cando se actualice a aplicación para iPhone agárdase que Uber tamén poida funcionar sen atrancos, deixando as medidas cautelares adoptadas practicamente sen efecto.
Ao parecer, dende Uber non recibiron aínda notificación oficial das medidas cautelares, das que souberon a través dos medios de comunicación, asegurando dende o primeiro momento que recorrerán a decisión xudicial en canto sexa posible.