Confírmase o sobresemento do caso Sharemula

xoves, 18 de setembro do 2008 Marcus Fernández

En outubro de 2007 o Xulgado de Instrución nº 4 de Madrid sobreseu as actuacións contra Sharemula por subministrar ligazóns a redes P2P, declarando o xulgado que a actividade denunciada non constituía delito, o que recorreu ante a Audiencia Provincial de Madrid a acusación particular, composta por entidades como a SGAE, Promusicae, EGEDA, Microsoft e distintas editoras de produtos audiovisuais.
Hoxe se coñece o auto que resolve o caso, confirmándose o sobresemento libre, non cabendo recurso contra o mesmo, polo que se confirma que a publicación de ligazóns a redes P2P non é unha actividade criminal, pois «este tipo de links constitúe unicamente un xeito de facilitar ao usuario de Internet o acceso a outra páxina web, xa que non reproducen a páxina enlazada, nin dan lugar a un almacenamento da mesma na propia páxina web da remitente. Simplemente, como dixemos, aforra o traballo de teclear o nome da páxina no buscador. ¿Acaso o internauta que teclea o nome da páxina no buscador está reproducindo ou distribuíndo o contido da páxina e está infrinxindo a propiedade intelectual da mesma? É evidente que non. A ligazón simple cumpre esa mesma función, e por iso non supón infracción de dito dereito».

PUBLICIDADE