Contact mostrou ás empresas ourensás o que poden facer coas súas webs e blogs para gañar competitividade

xoves, 19 de abril do 2018 Redacción

Este mércores 18 de abril celebrouse na Tecnópole de Ourense unha charla sobre as vantaxes da dixitalización para as empresas e sobre os pasos a seguir para conseguila plenamente. O encontro, dirixido a empresarias/os da Tecnópole e do Polígono de San Cibrao das Viñas, consistiu nun almorzo tecnolóxico con César González, director executivo (CEO) de Contact Comunicación, empresa local responsábel de importantes e innovadores desenvolvementos tecnolóxicos. Segundo fixo saber, a dixitalización non debe ser exclusiva das grandes empresas: é un proceso decisivo para que as PEME non perdan competitividade nin capacidade para captar e en manter clientes na evolución continua do mercado.
O CEO de Contact Comunicación mostrou as metodoloxías que se deben abordar para que o proceso sexa efectivo, o que inclúe “un enfoque transversal” que debe abranguer todos os departamentos da empresa. “O máis importante é a páxina web corporativa, o referente principal a nivel de imaxe de calquera empresa na actualidade, e é esencial que se contemple como o epicentro de calquera estratexia comercial”, sinalou, poñendo o foco tamén na importancia dos blogs, que “teñen que empregarse para compartir coñecemento tendo en conta o perfil do noso lector e respectando un ritmo de actualización coherente cos nosos obxectivos”. Na súa opinión, “un blog que non se actualiza desde hai ano e medio significa que a empresa está morta”, afirmou.
Polo que se refire a as redes sociais, recomendou non só publicar, senón interactuar “para formar parte do ecosistema”, e utilizar imaxes, ou mesmo mellor vídeos, sempre que sexa posíbel. González tamén fixo fincapé na importancia de segmentar de maneira axeitada tanto no que se refire ás bases de datos como á mercadotecnia por correo electrónico. Por outra banda, incluíu o posicionamento (SEO) e a mercadotecnia (SEM) en buscadores como “un reforzo xa case indispensábel da estratexia dixital aínda nas empresas máis pequenas”.

PUBLICIDADE