Continúan os avances no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia
xoves, 2 de xuño do 2022
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o
Consello da Xunta acordou hoxe autorizar a subscrición dos convenios entre a
Axencia Galega da Innovación (GAIN), o Centro Tecnolóxico de Supercomputación
de Galicia (CESGA) e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e
Vigo para poñer
en marcha o programa de comunicación cuántica e, deste xeito, seguir
avanzando no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia.
Cun orzamento de 9,6 millóns de euros -dos que 6,2 proceden
do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e 3,4 de fondos propios-,
o obxectivo é mellorar a confidencialidade e seguridade das comunicacións a
través de sete liñas de traballo. En concreto, Galicia colaborará con Madrid,
Cataluña, País Vasco, Castela e León e o CSIC, para “deseñar xuntos unha rede
de comunicación de alta seguridade e novos sistemas e protocolos de
comunicación que nun futuro crearán a internet cuántica”, salientou Rueda.
Así, segundo explicou o presidente da Xunta, entre as
actuacións previstas destaca “a creación dun enlace de comunicacións cuánticas
por fibra óptica entre a Universidade de Vigo e o CESGA”, en Santiago de
Compostela, o que permitirá establecer comunicacións plenamente seguras entre
ambas as dúas institucións. Tamén servirá para demostrar as posibilidades da
tecnoloxía ás empresas e como banco de probas.
Por outra parte, desenvolverase unha estación óptica en Vigo
para realizar comunicacións cuánticas vía satélite. Ademais, en colaboración co
Polo Aeroespacial de Galicia, desenvolveranse sistemas para enlaces de
comunicacións cuánticas con vehículos aéreos non tripulados.
Galicia traballa para desenvolver un Polo de Tecnoloxías
Cuánticas que ten como obxectivo situar Galicia nun referente neste campo no
2030 coas premisas de impulsar a tecnoloxía europea -para garantir a soberanía
tecnolóxica de Europa- e o negocio internacional que favorecerá a súa
sustentabilidade económica a medio prazo. Preténdese mellorar o coñecemento, o
avance da tecnoloxía e a consolidación económica apoiándose no mundo académico,
nos centros de I+D+i e no tecido empresarial .
Enmarcado na nova Estratexia de especialización intelixente
(RIS3) de Galicia, aspira a contar con 154M € de investimento público-privado,
para o que será necesario contar con fondos europeos NextGeneration, tendo en
conta que se trata dun dos proxectos prioritarios para Galicia que foi
trasladado ao Goberno central.
Actualmente, entre outras iniciativas, o Polo de Tecnoloxías
Cuánticas ten comprometidos 30 millóns de euros. Aos convenios anunciados hoxe,
súmanse 15 millóns de euros do acordo da Xunta de Galicia co CESGA para o
despregamento dunha infraestrutura baseada en tecnoloxías cuánticas da
información que impulse a investigación e experimentación en Galicia; os
programas Quantum (500.000 euros), talentQ de formación (1,5M €) e NESAQ
(280.000 euros); así como os investimentos no supercomputador Finisterrae III,
apoiado polo Goberno galego e o CSIC.
A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía,
Industria e Innovación aposta polas tecnoloxías cuánticas como elemento
tecnolóxico disruptivo que permitirá posicionar o ecosistema galego de I+D na
vangarda e acelerar o desenvolvemento económico e a recuperación. As
tecnoloxías cuánticas teñen innumerables aplicacións en sectores vitais para
Galicia como a medicina, o ambiente, a biotecnoloxía, a aeronáutica, a
automoción, a loxística ou as telecomunicacións, entre outras. Agárdase que o seu
impacto sexa maior que o logrado pola computación clásica no último século.
