Convocados os premios escolares de innovación en dinamización lingüística 2020-2021
luns, 8 de febreiro do 2021
Este
8 de febreiro, a través da publicación da resolución da
Consellería de Cultura e Educación, convocáronse
os premios escolares de innovación educativa en dinamización
lingüística 2020-2021. No Portal
da Lingua Galega (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e
no Portal
Educativo foi pendurada toda a información ao respecto destes
galardóns dirixidos aos centros docentes de titularidade pública no
actual curso académico, amais das bases reguladoras.
A
participación estará aberta até o vindeiro 10 de marzo, a través
da sede electrónica da Xunta.
Ao
abeiro desta iniciativa, seleccionaranse cinco proxectos que terán a
consideración de “excelentes” e que recibirán cadansúa
dotación económica de 2.000 euros. O profesorado implicado
activamente no seu desenvolvemento recibirá unha certificación de
Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30
horas de formación permanente do profesorado para a persoa
coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante.
Innovar
e dinamizar desde o ensino
Tras
a posta en marcha desta iniciativa no ano 2008 son xa numerosos os
proxectos que acadaron o recoñecemento polo seu impulso á
dinamización da lingua galega desde o ensino, por medio de soportes
variados (audiovisuais, aplicacións para móbiles, videoxogos...),
rexistros propios da oralidade (regueifa, canción, contacontos) ou
ámbitos de incidencia social (lecer, tecnoloxía, robótica).
Segundo explica a Consellería, son “de especial relevancia”
aquelas propostas que teñen como finalidade a integración
lingüística tanto de alumnado estranxeiro como neofalante. Todas
elas comparten o obxectivo de “vencellar a lingua galega coa
modernidade e cos intereses e preferencias propias da cativada”.
Entre outras, acadaron importante difusión iniciativas como Ao
son delas, do IES Maximino Romero de Lema (Zas, A Coruña);
Olimpíadas virtuais Sart Gal, do IES A Cachada (Boiro, A
Coruña); Proxecto Regueifesta, dos IES Maximino Romero Lema
(Zas, A Coruña), Marco do Camballón (Vila de Cruces,
Pontevedra), Aspiramos a ser simplemente un paraíso lingüístico,
do IES Félix Muriel (Rianxo, A Coruña) ou o coñecido 21 Días
co Galego do IES da Pobra do Caramiñal (A Coruña), que a
Consellería de Cultura, Educación e Universidade fai extensivo á
participación de centros de toda Galicia no marco do novo proxecto
21 Días co Galego e + desde o curso 2018-2019.