Coremain dálle unha viraxe á súa web

venres, 21 de xuño do 2013 Redacción

Coremain, creada en 1991 en Compostela, é unha das máis experimentadas empresas de consultoría TIC da nosa terra e de todo o territorio español. Cómpre dicir que o organismo internacional Software Engineering Institute (SEI) concedeulle o nivel 3 en CMMI, recoñecido como o modelo de calidade máis prestixioso do mundo para o desenvolvemento de software. Alén disto, dende Coremain anuncian a renovación da súa web corporativa, co gallo de facer máis sinxelo o acceso á información sobre a súa actividade a clientes, empregados e sociedade en xeral. A páxina en cuestión salienta pola súa accesibilidade adaptada a todos os dispositivos móbiles e achega diversos elementos definitorios da estratexia da empresa.
Estes elementos son: servizos (que abranguen toda a cadea de valor do sector TIC), produtos (tanto de desenvolvemento propio coma os achegados ao portfolio por acordos con socios) e colaboración con clientes e partners (socios), a través de casos de éxito. Cómpre dicir que a información que contén este espazo xira arredor da especialización sectorial de: telecomunicacións, banca, retail, educación, sanidade, finanzas, administracións públicas; sectores nos que Coremain xa traballou con anterioridade.
Emporiso, abrirse a outros mercados é unha das máximas polas que se rexe esta compañía, estando a internacionalización presente nos seus plans futuros e tamén na propia web, que conta cunha opción multi-idioma cos contidos en galego, castelán e inglés.
Outro dos apartados de importancia no novo site de Coremain é o das ofertas de emprego, que foi deseñado para facer máis doado o acceso dos candidatos segundo diversas características persoais, como se teñen experiencia profesional previa, se acceden ao mercado laboral por primeira vez ou se buscan algunha oferta específica dentro do sector.
Dicir por último que a web -presente tamén nas redes sociais accesíbeis dende a propia páxina- está en permanente actualización de contidos, converténdose deste xeito na mellor ferramenta para coñecer as últimas novidades da empresa.

PUBLICIDADE