Coremain participará nun novo proxecto de operacións con drons civís

martes, 16 de febreiro do 2021 Pedro Pérez

A empresa tecnolóxica Coremain, con sede en Santiago, formará parte dun novo proxecto de I+D+i no ámbito das operacións con drons civís da man de Babcock España, entidade especializada en operacións de emerxencia.
Esta iniciativa, denominada Sideral, ten como obxectivo principal o desenvolvemento das funcións U-Space necesarias para a integración segura das operacións con vehículos aéreos non tripulados en servizos de emerxencia a través dun concepto de operacións avalado polos servizos U-Space.
O proxecto propón a definición e ensaio dun conxunto de escenarios operacionais concretos que contribuirán ao desenrolo das funcións do sistema de xestión de tráfico non tripulado (UTM) e á validación dos servizos U-Space proporcionados ós usuarios. Deste xeito, a través das demostracións poderanse alcanzar os obxectivos máis específicos do proxecto.
Por un lado permitirá analizar como se debería enviar a información aeronáutica aos operadores de drons, así como proporcionar unha función de identificación e rexistro electrónico e facilitar a capacidade de geo-fencing, mediante EGNOS.
Doutra banda, un modelo de datos permitiría rexistrar os vos de drons, definir procedementos xunto con ATM/ATC para a automatización dos vos, avaliar a continxencia necesaria entre o operador e o ATC e interconectar datos relevantes dos vehículos aéreos cos sistemas ATM.
Por último tamén se lograría segregar un espazo aéreo, para un voo e un tempo determinador e analizar o subministro de información non aeronáutica para declarar zonas de exclusión aérea.
Grazas a este proxecto, Coremain, situada entre as 100 primeiras empresas do sector TIC español, consolida a súa presenza no emerxente mercado dos drons civís grazas á confianza de Babcock España.

PUBLICIDADE