Coremain presenta unha plataforma que permite rastrexar os procesos sanitarios

martes, 7 de maio do 2019 Redacción

Entre as empresas TIC galegas que van participar na 21 edición do Congreso de Hospitais que se celebra en Santiago atópase a firma local Coremain. Durante o evento, que xuntará durante tres días (do 8 ao 10 de maio) 2.000 profesionais do eido da saúde, Coremain participará nunha das grandes novidades desta edición, o Box Experience, un espazo adicado ás últimas tendencias e propostas tecnolóxicas para o sector. Neste recanto a firma con sede en Santiago mostrará as posibilidades do seu proxecto Traza, unha plataforma coa que garantir a rastrexabilidade dos procesos sanitarios.
Desenvolvida para o Servizo Galego de Saúde, Traza permitirá ao equipo médico e xestor optimizar e facer seguimento dos traballos e xestións médicas, co seu consecuente aforro de custos. Ademais, axudará a reducir tempos e achegar unha maior información a pacientes e familiares.
Coremain realizará unha demostración da ferramenta durante un proceso cirúrxico, co obxectivo de que os directivos de saúde presentes no congreso poidan descubrir dunha maneira interactiva e práctica as súas aplicacións e vantaxes. Entre as súas principais características atópanse as súas aplicacións de localización en tempo real, a recompilación e acceso desde un só punto a toda a información xerada desde diferentes sistemas TI, as posibilidades de análises e explotación da información obtida a través de indicadores cara aos directivos sanitarios e cara ao cidadán, etc.
A demostración celebrarase este 8 de maio, entre as 11:25h.-11:40h. e de 17:00h. a 17:15h.; o xoves 9, de 12:00h. a 12:15h. e de 17:40h. a 17:55h., e o venres 10, en horario de 11:25h. a 11:40h.
Ademais, na caseta número 18 da zona de exposición, Coremain contará cun espazo de seu para mostrar aos visitantes as innovadoras solucións tecnolóxicas desenvolvidas no ámbito da xestión asistencial e dos recursos humanos no sector sanitario.

PUBLICIDADE