Coren lanza o cuarto desafío de Galicia Open Future 4.0

luns, 29 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Galicia Open Future segue adiante, achegando novas palestras ao nosos talento, coa nova fórmula de convidar ás nosas novas empresas innovadoras a resolver retos concretos da industria galega máis consolidada. Se recentemente falamos dos desafíos achegados por FINSA e o Novo Grupo Pescanova (resoltos finalmente por Conexiona e Deicom, respectivamente), agora é a quenda de Coren, que lanzou o terceiro desafío para a cuarta edición (Edición Retos 4.0) da plataforma de crowdworking que Telefónica impulsa na Cidade da Cultura.
A proposta de innovación é novamente un convite para emprendedores, startups, PEME e organismos de investigación. A solución que busca a compañía galega do sector agroalimentario (Como poden as novas tecnoloxías axudar a optimizar o proceso de cebo do porco?) enmárcase na dixitalización e optimización dos seus procesos na área porcina.
En concreto, Coren pretende desenvolver a captura de datos e identificación do porco, así como facer máis eficiente o seu proceso de pesado.
O obxectivo pormenorizado desta convocatoria é buscar solucións innovadoras que melloren a identificación e pesado dos animais, mediante un método que permita rexistrar datos de interese sobre cada un deles de maneira áxil e unívoca. A consecución destes obxectivos permitirá a Coren “obter información de valor para os seus procesos de traballo, logrando mellorar accións como a marcaxe dos animais e a estimación sobre cando alcanzará o peso óptimo”.
O prazo de presentación das candidaturas arrincou o 24 de outubro de 2018 ás 9:00 horas e finaliza o 21 de novembro ás 18 horas. Tras recibir as propostas seleccionarase a un gañador, que poderá desenvolver un piloto da súa solución coa empresa, e até tres finalistas. A firma vencedora terá unha axuda da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto.
Ademais, tanto o gañador como o tres finalistas poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán ademais un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como recoñecemento ao seu esforzo innovador. Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase ao mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Á parte das achegas económicas directas, a empresa gañadora poderá acceder a un préstamo participativo, até un máximo de 100.000 euros concedido por XesGalicia. No caso dos finalistas poderán acceder a un préstamo participativo de até 50.000 euros, tamén concedido por XesGalicia.

PUBLICIDADE