Coren visitou a factoría de transformación dixital do BBVA

martes, 22 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Alberto Prieto, Carlos Gil, Luis Simoes, Secundino Grobas, Eloy González, Fernando Pomares, Asunción Álvarez, Natalio Rodríguez e Fernando Alonso

Un grupo de directivos do grupo galego Coren, referente estatal e europeo na industria avícola e agrogandeira, visitaron este luns 21 de xaneiro as dependencias da factoría de transformación dixital empresarial que BBVA ten en Madrid. O obxectivo da estadía foi coñecer de primeira man o proceso de transformación que o banco afronta desde hai uns anos, co fin de extraer ideas de valor e pautas e visualizar novos camiños de transformación extrapolábeis.
Segundo informaron, foi unha intensa xornada de traballo na que directivos de ambas as compañías tiveron ocasión de analizar e compartir os factores clave no proceso de transformación dunha organización empresarial. Tanto os representantes do grupo galego como da entidade financeira chegaron á conclusión de que “aproveitar os retos e as oportunidades da actual revolución dixital é hoxe un dos principais desafíos aos que se enfrontan as empresas”.
Na visita, BBVA mostrou algúns dos principais fitos acadados ao longo do seu proceso de transformación dixital, que comezou hai anos e que culminou en parte o pasado mes de outubro coa posta en marcha da devandita factoría de transformación dixital empresarial, formada por 350 profesionais de diferentes disciplinas. Esta factoría está dedicada integramente ao desenvolvemento de solucións e servizos dixitais para facer máis sinxelos os procesos e as xestións no mundo das empresas.
Natalio Rodriguez, director xeral; Secundino Grobas, director de Control Interno; Carlos Gil, director de Sistemas; e Fernando Pomares, responsábel de Produción; son os membros do equipo de Coren que compartiron esta xornada con Asunción Álvarez, directora rexional de Empresas e Corporacións de BBVA Noroeste; Alberto Prieto, director de Rede; Eloy Gónzález, director de Empresas Galicia-Leste; e responsábeis da factoría.

PUBLICIDADE