Corgos confirma a aposta da Xunta polo talento para consolidar o sector tecnolóxico

venres, 7 de novembro do 2025 Redacción

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, afirmou hoxe, na inauguración do XXXIII Congreso AUTELSI, que a Xunta continuará apostando por crear, atraer e reter talento co obxectivo de consolidar un sector tecnolóxico sólido.
No acto, no que tamén participou o director da AMTEGA, Julián Cerviño, o titular de Facenda destacou que, desde o primeiro momento, a Xunta concibiu o proceso de transformación dixital como unha oportunidade para preservar a singularidade de Galicia, o seu potencial de desenvolvemento, a calidade e a esperanza de vida, superando as limitacións que podería supoñer ser unha rexión periférica, cunha orografía complexa e unha poboación moi dispersa e envellecida.
«Por iso, a conectividade do territorio e a extensión da tecnoloxía aos servizos públicos foron os principais obxectivos das dúas primeiras axendas dixitais que se puxeron en marcha entre os anos 2010 e 2020», explicou, facendo fincapé na aposta da comunidade por estas novas tecnoloxías e pola colaboración como vía para situar Galicia á vangarda en Europa.
Nesa mesma liña, Corgos salientou o éxito colectivo que supuxo lograr para Galicia a sede da Axencia Española de Supervisión da IA (AESIA), a aprobación da primeira lei europea sobre o desenvolvemento da intelixencia artificial, ou a consecución dunha das dúas únicas fábricas europeas de IA en España, cun investimento de 82 millóns de euros, que impulsará a investigación e a innovación no eido da saúde.
Tras lembrar o traballo realizado, o conselleiro subliñou que a visión actual do Goberno galego se concreta na Estratexia Galicia Dixital 2030, centrada no uso das tecnoloxías ao servizo das persoas, para acadar unha Administración e uns servizos públicos máis eficaces, personalizados, accesibles e seguros.
Neste sentido, referiuse á Plataforma de automatizacións da Xunta, que libera aos empregados públicos de tarefas rutineiras e repetitivas; ao Nodo de información cidadá, que permitirá á cidadanía dispoñer dun sistema único de identificación segura para realizar os seus trámites e acceder á información de interese reducindo a burocracia; así como aos servizos proactivos, destinados a anticiparse ás necesidades da poboación.
Corgos concluíu incidindo en que Galicia seguirá apostando pola especialización tecnolóxica da rexión, pola creación, atracción e retención de talento, e pola consolidación dun sector privado tecnolóxico forte, cuxa presenza e relevancia non deixaron de medrar nos últimos anos.