Correos Telecom gaña clientes pese á súa reducida visibilidade

mércores, 25 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

O ano pasado iniciou a súa andaina comercial Correos Telecom, compañía de telecomunicacións que aproveita a rede de 2.370 oficinas de Correos para achegar os seus servizos á cidadanía, e aínda que a compañía optou por non realizar campañas agresivas para captar clientes, aseguran que acelerou o seu ritmo de altas pasando dunhas 2 diarias a unhas 30.
Seguimos a falar dun operador de pequenas dimensións, que comercializa fibra e móbil a prezos axustados e baixo a infraestrutura de rede de Telefónica, aínda que cunhas tarifas menos atractivas que as que ten o operador de baixo custo desa compañía, O2, polo que non parece doado que a filial de Correos vaia conseguir unha posición relevante no mercado.
As tarifas móbiles de Correos Telecom parten dunha liña móbil con chamadas ilimitadas e 10 GB de datos por 9,99 euros/mes e chegan ata os 19,99 euros/mes polos que ofrecen chamadas ilimitadas e 100 GB de datos; aínda que para usuarios móbiles tamén conta cunha opción interesante para a contratación de 2 liñas, que parte de 14,99 euros/mes por unha liña con chamadas ilimitadas e 35 GB de datos á que podemos sumar unha liña secundaria por 1, 2 ou 3 euros adicionais que inclúen chamadas ilimitadas e 10, 15 e 35 GB de datos respectivamente.
As tarifas combinadas de fibra e móbil parten de fibra de ata 600 Mbps e móbil con chamadas ilimitadas e 35 GB de datos por 42,99 euros/mes fóra de promoción. Estas tarifas inclúen sempre fibra de 600 Mbps e liñas móbiles con chamadas limitadas que chegarían ata os 49,99 euros/mes para unha liña con 100 GB de datos ou ata os 54,99 euros/mes para dúas liñas móbiles con 100 GB de datos. E estes combinados pode engadírselle unha liña móbil con 10, 25 ou 35 GB de datos por 7,99, 9,99 ou 10,99 euros/mes.
Dentro das promocións de Correos Telecom están a posibilidade de contratar un par das súas tarifas a través de Correos Market para conseguir un prezo promocional durante 12 meses, de xeito que unha liña de fibra con móbil con 50 GB de datos sairía en 39,99 euros/mes e unha liña móbil con 20 GB de datos e chamadas ilimitadas quedaría en 9,74 euros/mes. Tras a promoción estas tarifas quedarían en 45,99 e 12,99 euros/mes respectivamente, detalle a ter moi en conta xa que incorporan un compromiso de permanencia de 24 meses, mentres que as tarifas de móbil que poden contratarse fóra de Correos Market carecen de permanencia.