Coruña Dixital estrea podcast para complementar o seu labor de divulgación e mobilización

luns, 11 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Coruña Dixital, a fronte común do Concello e as comunidades locais a prol da divulgación dixital e as tecnoloxías libres e participativas, vén de estrear nova canle de comunicación. Trátase do seu novo podcast, posto en marcha como complemento informativo do actual programa de actividades de Coruña Dixital: un altofalante no que dar conta das vindeiras accións relacionadas coa tecnoloxía e a cultura dixitais e dar conta dos proxectos que abrollen. O podcast complementará a información achegada polo boletín, a web e as redes sociais de Coruña Dixital.
Segundo informa a comunidade, «este formato sonoro está a ser cada vez máis empregado en distintos ámbitos e iso fai que teñamos a posibilidade de escoitar desde elaborados produtos de ficción sonora e informativos ata o que teñen que contarnos diversos colectivos e asociacións». No podcast de Coruña Dixital teremos de maneira regular información do #LAIC e outras propostas de Coruña Dixital, e, ademais, poderemos coñecer en primeira persoa a moitos dos colectivos que desenvolven as súas actividades na cidade. Producido por Jorge Lama, podemos atopalo e subscribirnos en Archive, iVoox e Spotify.
O primeiro programa está dispoñíble para a súa escoita:

PUBLICIDADE