A iniciativa Coruña Smart City, que se nada cambia estará operativa ao 80% a comezos de 2015, vén de lanzar unha serie de achegas audiovisuais que buscan amosar e visualizar ao máximo o que se consegue (a nivel de cidadáns de a pé) vivindo unha cidade intelixente. Lembrar que este (o de converter A Coruña nunha Smart City) é o principal obxectivo do proxecto. Volvendo ás achegas audiovisuais, dicir que se engloban en Historias Smart, e son un conxunto de vídeos con cinco personaxes diferentes que relatan as vantaxes de residir nunha urbe conectada, incidindo en cuestións como a mellora na calidade de vida e no incremento de oportunidades de negocio.
No primeiro dos vídeos, para facérmonos unha idea do seu miolo, cóntasenos a historia de Carme, unha nai traballadora que regresa á cidade despois dunha longa xornada de traballo e de camiño a casa, no taxi, decide tirar proveito das ferramentas de Coruña Smart City para levar a cabo as xestións pendentes do día, todo con axuda da súa tablet e nuns poucos minutos. Nesta primeira historia, informan os responsables da iniciativa (o Concello da Coruña e unha serie de empresas do sector TIC) reflíctese “o aforro de tempo que supón poder realizar xestións administrativas a través dos dispositivos móbiles mellorando a calidade de vida dos cidadáns, principal obxectivo de Coruña Smart City”.
Os vídeos están dispoñibles na páxina de Coruña Smart City, en Twitter, no Facebook de seu e na canle Smart Coruna en YouTube.
Como dixemos ao comezo deste artigo reflectindo as previsións do Concello, o proxecto xa está nun plano avanzado de desenvolvemento. De feito, arestora o 80% do mesmo está adxudicado e 10 dos 14 proxectos piloto xa están en fase de desenvolvemento e execución. “Os pilotos de mellora enerxética na ETAP da Telva e optimización do tráfico en tempo real están en fase de adxudicación, e finalmente os dous restantes están a piques de saír a licitación”, engaden fontes do goberno local, que nos lembra que a iniciativa “naceu co fin de deseñar un novo modelo de cidade, empregando as novas tecnoloxías para responder desde a administración á demanda crecente de eficiencia, desenvolvemento sustentable, calidade de vida e xestión dos seus recursos”.
O proxecto, iniciativa do Concello da Coruña e EMALCSA como solicitante, conseguiu coa súa nova proposta unha cofinanciamento dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. A iniciativa, como lembraremos, deseñouse en dúas fases, a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e posta en marcha da plataforma tecnolóxica, o cerebro da cidade. A día de hoxe, a plataforma está en probas, “incorporando os servizos municipais e a información interna para polos a disposición das empresas e xerar novos servizos aos cidadáns”, explican os seus responsables directos.
Coruña Smart City explica nunha serie de vídeos en que consiste ser habitante dunha cidade intelixente
Compartir Este Artigo
