CreaAPPcuentos, a ferramenta viguesa para a creación de contos infantís, gaña o Pirate Startup Award

luns, 25 de novembro do 2013 Redacción

Startup Pirates organizou os días pasados un concurso de startups vía web, no que premiar ao proxecto máis votado con dúas prazas para a vindeira edición do Startup Tour de Berlín (valoradas en 1.000 euros), e o proxecto que finalmente acadou a primeira posición, o máis votado, foi o proxecto galego creAPPcuentos. A devandita iniciativa vén da man de Avelino Correa e Maribel Martínez (coa colaboración de ilustradores como Pepe Carreiro, Alberto García Ariza, Abraham Carreiro, Raquel López, Pirusca...) e consiste nunha aplicación para dispositivos con Android e iOS que permitirá a creación de contos ou historias dun xeito sinxelo e intuitivo, converténdose nunha interesante ferramenta para pais que gocen de inventar historias para os seus fillos e queiran adaptalas a cada situación concreta que vivan os cativos.
CreAPPcuentos tamén podería ser de interese para o seu uso no ámbito escolar, empregándoa como ferramenta educativa.
Para a parte máis técnica do desenvolvemento desta aplicación, CreAPPcuentos decidiu contar coa compañía Pumpún Dixital (que vén a ser a versión empresarial de Escoitar.org, proxecto do que temos falado en numerosas ocasións en Código Cero) e que está a encargarse de facer que este proxecto chegue en breve en forma de aplicación para tablets.